Opinión

Os paradoxos do tempo

SEGURAMENTE se puidese ver os anos segundo narra Álvaro Cunqueiro que os viron algúns, obxectivados baixo unha aparencia material, non pensaría que o tempo soamente é unha ilusión. Non digo nada novo porque xa Albert Einstein o definiu así.

Malia todo, as fabulacións cunqueirianas son perfectamente compatíbeis co pensamento do Nobel de Física. Acaso un ano con aparencia de ovo, de home pequeniño, de vella ou do que cadre, non sería tamén unha ilusión dos sentidos?

Dividimos a eternidade para situar o noso movemento nela, igual que dividimos a esfera do reloxo, nun continuo xirar das agullas sobre ela, para facérmonos a ilusión de controlalo.

Quero dicir que hoxe, 3 de xaneiro de 2020, o tempo non é máis novo que o 31 de decembro de 2019, mais tampouco é máis vello. O tempo non foxe, fuximos nós. Thoreau (1817-1862), poeta e filósofo norteamericano, utiliza unha imaxe que semella desmentir a afirmación anterior: "O tempo non é outra cousa que a corrente na que estou pescando".

De calquera maneira, é difícil non acreditar na existencia do tempo cando temos a percepción de que, como na imaxe amentada, o río avanza cara ese algures que chamamos futuro e a memoria do seu fluír se perde en sentido contrario, cara ese atrás que chamamos pasado.

Talvez o mellor é non lle dar máis voltas no maxín e vivir cada instante coa consciencia de estarmos a gastar as moedas dun capital irrecuperábel.

No ano con forma de ovo, dentro da casca poderían estar, segundo explica o escritor de Mondoñedo, todos os acontecementos dos seus 365 días. 366 deste 2020 que é bisesto e, como tal, gozaría, xa de entrada, de mala reputación.

Cunqueiro cita a Diego de Torres Villarroel, o multititulado e polígrafo autor salmantino, quen, nas súas incursións na maxia e prácticas de adiviño, aseguraba: «Los que llaman lobanillos o alcuezos , esos se engendran en la pestilencia del día bisiesto». A superstición cae polo seu propio peso. De ser certa, soamente habería furúnculos ou furunchos os anos con 29 de febreiro.

Servidora, como aquela personaxe de García Márquez, alúgase para soñar. Soñarei, xa que logo, un ano sen violencia de xénero, de verdadeira concienciación e progreso en todo o relativo ao coidado da terra, de pan e casa para todo o mundo, dunha paz alumeada pola verdade e a xustiza, de avances científicos ao servizo de quen os precisar, sen distincións por mor do poder adquisitivo, de respecto, igualdade, comprensión das diferenzas e humanidade. De volta á palabra, esa facultade que nos fai persoas e que, a causa dun mal uso doutros xeitos de expresión e de configuración do pensamento, está en declive.

Sexa así o 2020.

Comentarios