Opinión

O que nos faltaba

OS HOMES non paren, paren as mulleres, as nenas non paren aínda. A ambigüidade destas palabras, atribuídas a un cóengo lugués que dirixía unha procesión de Semana Santa, deu para moitas brincadeiras. Real ou apócrifa, a anécdota xoga coa homonimia desta forma dos verbos parar e parir. Evidentemente, el referíase á primeira.

Os homes non paren, paren as mulleres. Agora fálolles eu e é o verbo parir o que me ocupa. Claro que habería que precisar que paren as mulleres que paren, porque unhas non o fixemos e outras non o farán nunca; porén, supónsenos a todas a sensibilidade precisa para apreciar o delicado do momento. E a moitos homes tamén, mais hai ben excepcións.

Baltasar Gracián non era nada positivo á hora de considerar o momento do parto: "Cal pode ser unha vida que comeza entre os berros da nai que a dá e os choros do fillo que a recibe?". Nos tempos do autor de 'El Criticón' non había anestesia epidural. Tampouco a había nos tempos en que miña nai trouxo ao mundo, un tras outro, oito fillos, sen berrar como moitas outras parturientes afoutas que souberon e saben que, por moito que doa, non é obrigatorio perder forzas gritando. Por outra banda, seica, con anestesia ou sen ela, non existe parto sen ningunha dor. Malia todo, disque se esquece pronto diante da criatura acabada de nacer.

Os homes non paren e por iso supoño que os autores dun anuncio televisivo que me sorprendeu, e non para ben, son homes. Nin sequera recordo o que promocionan, se cadra unha cadea de pago. O caso é que se ve un 'paritorio' no que unha muller suorenta, con xestos de dor, mais sen estridencias, está no transo de dar a luz. O que se supón que é o pai do neno que está a piques de nacer, quéixase do inoportuno do momento porque a esa hora xustamente hai fútbol. Intúese certa complicidade do médico que, non por casualidade, tamén é home.

Sei que hai organismos que controlan a publicidade sexista e coido que esta o é. Por iso non entendo como se puido filtrar o 'spot' ao que aludo. En todo caso, deixando á parte o milagre da vida neste e en todos os tempos, talvez agora e aquí, cando a poboación envellece continuamente pola escaseza de nacementos, non hai partido nin gol no mundo que mereza un comentario así, nin sequera na ficción dunha montaxe da que chaman eufemísticamente "información comercial". E, sobre todo, manca que unha afección, por moi lícita que sexa, estea por riba da dignidade dunha muller.

Non me obsesiona o politicamente correcto. É máis, penso que ás veces somos politicamente correctos até a ridiculez. Aínda así, hai cousas e casos nos que é mellor esaxerar que quedar curta. A mensaxe en cuestión ten veleno.