Opinión

O efecto bolboreta

NON ESTÁ ao meu alcance explicar o chamado ‘efecto bolboreta’, mais véuseme moitas veces estes días á memoria. Nin é preciso que lles diga por mor de que: é unha cuestión omnipresente e eu propúxenme non nomear algo tan invisíbel e real (real porque existe e real por aquilo da coroa).

Como saberán, o do ‘efecto bolboreta’ é un concepto da teoría do caos cuxo pioneiro, Edward Lorens, matemático e meteorólogo, utiliza a imaxe do movemento das ás dun destes lepidópteros para razoar que algo tan imperceptíbel pode inducir, lonxe no tempo e no espazo, sucesos de grande magnitude, por exemplo un tifón. Non cómpre que diga moito máis. Seguro que xa acharon un certo paralelismo co pesadelo que estamos a vivir. Porén, non quero falar de pesadelos.

Lembraremos, se lles parece, a película homónima deste artigo, O efecto bolboreta, estreada en 2004 e con dúas secuelas (2006 e 2009). O protagonista principal, Evan Treborn, un mozo estudante de psicoloxía, decátase de que pode viaxar cara atrás no tempo. Terá o corpo e as circunstancias do momento ao que regrese, mais a súa será a mente do adulto que xa é. Co propósito de mudar o presente para el e os seus amigos, volverá ao pasado e revivirá episodios da infancia que o traumatizaron. Mercé aos continuos ‘flashbacks’, coñeceremos a nenez dos distintos personaxes con 7 e 13 anos. As accións de Evan propician finais diferentes até que se produce o definitivo.

O homenaxeado este ano polas Letras Galegas, don Ricardo Carvalho Calero, deixou dito que a historia podía e debía ser rectificada. Tiven a fortuna de escoitarllo o 24 de febreiro de 1985, aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, tras unha cea conmemorativa en Santiago de Compostela. Por suposto que non se refería a poñerlles a marcha atrás ás agullas do reloxo. Trátase de coñecer o pasado, analizar os seus erros e os seus acertos e aprender deles porque, é ben sabido, estamos a embelecar sempre na mesma pedra, a meter sempre os pés nas mesmas pucharcas.

Nestes tempos en que tanto se barallou e utilizou o concepto de globalización, chegado o momento, o único globo ao que miramos foi ao do noso bandullo, a seguir as consignas dos profetas dos paraísos consumistas. Globalizáronse a pobreza, a violencia, a inxustiza e, sobre todas as cousas, os intereses do gran capital. Secasí, cerramos os ollos a unha gran verdade, a de sermos todas e todos tripulantes dunha nave espacial chamada Terra.

Agora, a realidade bátenos no rostro e, se non cegamos, temos que aprender a lección. Ha ser de solidariedade, a axudar cadaquén onde e como nos toque. Ha ser de gratitude a quen mira por nós. Ha ser de compaixón sempre.

Comentarios