Opinión

O canto das sereas

CON FRECUENCIA matino na idea de que, en realidade, os acontecementos históricos son relatos intercalados no gran relato do mundo, o verdadeiro, o constituído polos mitos.

Coidan que quero negar o real e afirmar o ficticio? Non exactamente. O que pretendo é comunicar a sospeita de que as cousas que suceden son exemplos concretos da cosmovisión á que o inconsciente universal vestiu coa roupaxe de fábulas ou lendas, mesmo as que rebotaron da autoría con nome á colectiva e viceversa.

Simplificando: canto acontece, na súa esencia, xa estaba escrito ou contado.

Quen non evoca A trabe de ouro e a trabe de alcatrán ou O rei Midas cando a ambición exacerbada provoca unha catástrofe? Non coñecían estas fabulacións -ou talvez quixeron ignoralas- os que fretaron o Prestige, unha verdadeira chatarra como se ten dito, para transportar a carga que contaminou mares e costas. Outro tanto se pode afirmar de quen, en aras dunha maior produción, consome a marchas forzadas o porvir da terra, do ar e dos océanos.

Por desgraza, a Carapuchiña Vermella e o lobo atópanse con demasiada frecuencia e aínda hai quen xustifique o lobo e culpe a nena.

As sereas que atraían os homes co seu fermoso canto a fin de que afogasen nas augas; Ulises amarrándose ao mastro para poder ouvilas, sen se botar ao mar; a tripulación cos oídos taponados con cera; en fin, o mito enteiro transmite unha mensaxe intelixíbel en todo tempo. Porén, é nesta época de realidade virtual ou de tele-realidade cando máis vixencia ten. Aprendo dela coa miña dilatada familia infanto-xuvenil e tamén comigo mesma.

Ulises sabía que o cantar das sereas era doce e melodioso, mais tamén sabía que lle podía custar a vida escoitalo. Non renunciou, foi precavido para que aquel pracer non deviñese en desgraza. Tampouco as xeracións novas —e as de máis idade— teñen que renunciar ás novas tecnoloxías; secasí, é preciso poñerlle couto ao seu uso desmedido.

A miúdo me fixen antipática insistindo nisto. Mesmo algún sobriño lle propoñía ao pai esconder a tableta ou o móbil se eu estaba presente para que non me alporizase. O tempo demostroulles que, a maior uso destas cousas, menos paixón lectora e, a menos lectura, máis dificultades nos estudos. E si que é posíbel rectificar. Con todo, desengancharse de excesos e adoptar costumes que xa deberían formar parte do desenvolvemento normal, non é cousa dun día. Pola contra, pouco máis dun día precisa un neno ou nena para esvarar polo cavorco da adicción ás pantallas.

Agora, sen aulas, é un bo momento para transmitirlles a verdade das mentiras, como escribiu o Nobel Vargas Llosa das fabulacións. As sereas existen.