sábado. 04.04.2020 |
El tiempo
sábado. 04.04.2020
El tiempo

Novos camiños vellos

ISO DE QUE non hai nada novo baixo das estrelas é unha falsidade. O camiño dos carros —hoxe cego— que, pasando por Vilameá, desembocaba na estrada, á beira do campo da festa, era vello para o meu avó, quen me levaba da man por aquelas paraxes que tanto amaba e tantas veces percorrera. Para min, que o tripaba cos pés pequenos e coa sorpresa escintilándome nos ollos, era novo de toda novidade.

Do mesmo xeito podemos falar do Novo Cinema Galego, malia afincar as súas raíces en xeitos de facer películas afíns, como sería o caso do tamén chamado Novo Cine Alemán (anos 60 a 8O do século pasado) e, con anterioridade, o do "cinéma verité" francés (década dos 50 e 60), coincidente co Free Cinema inglés e o Direct Cinema dos EE.UU. Todos procuran verdade, realidade e liberdade, cerca do documental e lonxe do purismo. Un xénero que se hibrida e dilúe, indomábel como a vida mesma.

Planos e travellings longuísimos que por veces resultan atafegantes, mais propician a reflexión porque as imaxes impactan alén da retina, a gravarse con forza no cerebro. Ausencia de guión ao uso, como se os autores ou autoras improvisasen, tal pianistas sen partitura, a indagar o que contan rostros e paisaxes, deixando liberdade aos actores e actrices, a miúdo non profesionais.

Fóra do sistema de produción, non condicionado por grandes custos debido á simplificación dos medios técnicos (abonda cun computador e unha cámara), este cinema pode permitirse ser de minorías, non guiado ou condicionado por intereses comerciais, con frecuencia autofinanciado.

Lembro, na miña mocidade, o Cine Victoria de Lugo reconvertido en sala de arte e ensaio. Tiña bastante xente porque, en tempos de censura, permitíanos ver películas subtituladas prohibidas noutros cines. De calquera maneira, eramos un público bastante restrinxido. Se cadra os mesmos que acudiamos ao Kursal para as proxeccións do cine-club Valle Inclán. Por fortuna, en Lugo contamos agora cunhas salas abertas a este tipo de filmes que, de non ser así, terían que procurar outros espazos.

Vin ultimamente O que arde e Longa noite. Gustei delas e, da segunda, quedo sobre todo co monólogo íntimo e emotivo de Nuria Lestegás, alumna miña en Xove e violinista de mérito. É moi importante apoiar o cine noso porque, alén de formar parte dun sector cultural interesante, axuda a termos unha conciencia de nós tan propia como aberta ao mundo.

Alén do anterior, convén non esquecer a literatura galega (como se fixo con A Esmorga) e elaborar guións que conten historias que nos envolvan e guíen co seu fío narrativo, a innovar canto se queira, mais cunhas coordenadas definidas.

Novos camiños vellos
Comentarios