Opinión

O meu ambientalista de cabeceira

Noah Sealthn (ou Seattle), o líder das tribos suquamish e duwamish, non lle escribiu nunca unha carta a Franklin Pierce (1804-1869), presidente dos EE.UU. Porén, é unha das miñas citas máis socorridas porque, se non è vero è ben trovato. Histórica é a súa entrevista co gobernador territorial, Isaac I. Stevens, a quen lle respondeu verbo da proposta do presidente de lles mercar as terras para facer unha reserva e rematar os enfrontamentos entre indios e brancos. As súas palabras ben poderían ser o miolo do texto. Alén de todo, o tratado de Point Elliot (1855) consumaría o espolio.

A resposta é considerada o primeiro manifesto ecoloxista e, de ser auténtica, dataría de 1854. Mais non. O seu autor foi Ted Perry, profesor de universidade e guionista, que a inclúe nun documental (1970) do que asina o texto na súa totalidade. Daquela naceu o mito que, malia todo, cumpre a súa función.

Poderanse escribir outros, pescudar a medida exacta do burato de ozono, medir a contaminación do ar, contabilizar as especies extintas ou en camiño de extinción, calcular as toneladas de plástico deitadas ao mar, avaliar a temperatura da auga e o derretemento dos casquetes polares; mais, expresalo dun xeito tan sinxelo e poético, non é posíbel. Poesía e sinxeleza ao servizo dunha mensaxe profética na máis xenuína acepción do termo (profeta: o que di por anticipado). Así é: dixo, por anticipado, o que agora acontece.

Trócanse cartos pola saúde da terra. Que cousa é, se non, mercar o dereito a contaminar? Sábese que as empresas que emiten gases teñen unha licencia para liberar unha determinada cantidade de CO2. Porén, permíteselles mercar máis a outras empresas que non esgotaron a súa. Velaí palabras da carta apócrifa: "Se non somos donos da frescura do ar nin do fulgor das augas, como poderán vostedes mercalos?". Como poden os Estados vender o que non lles pertence? O ar, a auga, o ceo, son de toda a humanidade e ninguén pode dispoñer deles ao seu antollo, por máis que se faga en nome do progreso.

Hoxe, Día Mundial do Medio Ambiente, cada un e cada unha de nós xuntos con todos os países do mundo, coordinados, deberíamos preguntarnos que cousa é o progreso. O razoamento será o adecuado se conclúen e concluímos que lle estivemos chamando así ao que era todo o contrario. Imponse, por tanto, recuar para escoitar de novo a voz da vida, o que dixo ou lle fixeron dicir ao indio aquel: "Cando os homes cospen á terra, cóspense a si mesmos. Todo o que lle suceda á terra, sucederalle tamén aos fillos da terra. Sabémolo. Todas as cousas están relacionadas como o sangue dunha familia".

Comentarios