Opinión

O máis progresista é respectar

HAI NESTE noso mundo moita xente que confunde o cu coas témporas, como reza o dito popular. Por se non se entende, vén ser confundir esa parte da anatomía coas estacións do ano. A un tal Willy Toledo, pásalle. Non desexo que o multen nin moito menos que vaia á cadea, mais ten un problema alén do Código Penal: é un perfecto maleducado.

Supoño que saben que este actor e produtor teatral tivo que comparecer hai poucos días perante un tribunal, acusado de ferir os sentimentos relixiosos dos cristiáns por blasfemar en público, que as redes sociais rebordan o ámbito privado, e nelas foi onde verteu os seus improperios.

Desde 1988, a blasfemia non é delito no Estado español. Malia todo, no artigo 525 do Código Penal, tipifícase o de escarnio dos dogmas, crenzas, ritos e cerimonias dunha confesión relixiosa, polo que ten de ofensa aos seus seguidores. Sospeito que, se non hai denuncia, moitas destes feitos non transcenden. Neste caso si que a houbo e foi presentada pola Asociación Española de Abogados Cristianos.

Persoalmente, non me gusta oír blasfemar como non me gustan mil cousas que endexamais denunciaría. Quen crea en Deus, crerá tamén na súa invulnerabilidade e entenderá que non o alcanzan as nosas ofensas, que o certo é que quen cospe ao ceo lle cae na cara, que o dano é noso. Quen non crea, terá a convicción ou de desafogar a súa ira, sen máis, ou de ofender, efectivamente, aos fieis da tal relixión.

Sendo eu nena, presenciei unha liorta dun sogro co xenro, ambos os dous bébedos, que mesmo diante da Garda Civil, cando xa se viran inmobilizados e non podían facer uso das mans, valíanse da lingua, a insultarse e trufar os insultos con blasfemias. Aos poucos días, sen se celebrar ningún xuízo, por suposto, chegoulles cadansúa multa de 500 pesetas. Eran pobres e á fin actuaran baixo os efectos do alcohol. Alguén mediou e a sanción foi anulada.

Mudaron os tempos, estamos nun estado aconfesional, que non laico; mais, con outro pretexto, os castigos seguen vixentes. A diferenza é que agora a prohibición do escarnio alcanza a todas as relixións rexistradas e á ausencia de credos, que tamén pode ser obxecto de mofa.

Moito me parece que non é doado demostrar en que casos unha persoa blasfema porque "manca finezza", como se diría en italiano, falta finura e educación, ou en que casos pretende ofender.

De calquera maneira, eu acreditaría más facilmente neses avogados cristiáns se as súas denuncias tivesen a ver coas inxustizas, a pobreza, o maltrato aos inmigrantes, a discriminación do diferente, os feminicidios e todo o que atenta contra o primeiro mandamento, o do amor ao próximo.

Comentarios