Opinión

Lugo e os retrasos

Quen poderá explicar que hai aldeas no concello de Lugo que non dispoñen de auga potábel municipal?

HAI ALGUNHA explicación para que certos atrasos/ retrasos nos servizos municipais máis elementais sexan aínda mercadoría eleitoral en Lugo? Quen pode entender, nos tempos da telecomunicación inmediata con calquer parte do mundo, que haxa aldeas no termo municipal de Lugo que non reúnen condicións para poder teletraballar ou, mesmo, facer os trámites administrativos da vida diaria hoxe practicamente universalizados? Quen poderá explicar, sen enrubiar até as orellas, que hai aldeas no concello de Lugo que non dispoñen de servizo de auga potábel municipal? A quen lle importa que haxa núcleos rurais desaparecidos do mapa do transporte público municipal e sen alternativa máis que o taxi pagado individualmente ao mesmo custo que calquer outro servizo dentro do núcleo urbano? Hai máis asuntos públicos moi difíceis de comprender pero tamén é certo que a sabedoría popular, que ten logrado -até o presente- unha convivencia pacífica a pesar das deficiencias públicas evidentes, foi argallando solucións que podemos situar no plano da axuda mutua, da colaboración veciñal, na vontade compasiva de funcionarios sen medios, no apoio familiar de mulleres sen límite na súa dedicación, na posibilidade -na marxe- de economía submerxida, que no caso dos servizos persoais de axuda no fogar constitúen todo un universo, que cobre de forma transversal o que os servizos públicos non titulan.

Temos tratado con certa profusión o relato de necesidades derivadas da ausencia de investimento público por parte do Estado sobre todo no que se refere á plans públicos de sostén de actividades produtivas vizosas que existen na Galiza e das que Lugo ten unha alta representación: por exemplo, na consideración de requerimentos públicos para todas as industrias transformadoras de produtos agrogandeiros, de produtos da pesca e de bens do sector mineiro. Eses son temas de planificación estatal de acción pública plurianual e que, por desgraza, sendo coñecida, semella inmanente ao proprio ente. Mesmo non citaremos o recorrente tema de abandono de Adif, de Renfe e dos acompañentes do mesmo lugar ministerial porque xa é aborrecido (salvo que citemos que a denominada autovía Lugo-Santiago vai aínda para tres anos máis).

Tamén vemos con certa preocupación —pero fonda— o cativo empeño da Xunta en organizar plans de mellora industrial proprios para, pouco a pouco, pero de forma certa e segura, crear as bases dun tecido industrial enraizado nos recursos, nas capacidades e no aforro proprios. Non hai. Pero, sempre hai un pero, non tiñamos falado da corresponsabilidade dos cidadáns a respeito do seu papel na resolución dos problemas cotidianos, polo que a temas municipais se refere. Se os votos serven para elexer os máis riquiños/as, e estes non teñen rendición de contas do seu labor municipal, xa que case todo é cuestión de imaxe, certamente podemos aseverar que o resultado acadado polo goberno é perfeitamente acaído ás expectativas que os cidadáns teñen. Se nesta ocasión observamos como se están facendo obras de canalización de auga potábel en aldeas de Lugo e alguén entende que esta obra é un ben atribuíbel á xestión dun concelleiro, simplesmente, non hai polo momento solución ao que denominamos problemas.

Comentarios