Opinión

Lealdades

CADA VEZ quedan menos cousas sagradas. Fago esta afirmación sen me referir a ningunha crenza relixiosa, senón simplemente ao que merece un respecto singular, extraordinario, máximo. A lealdade, da que dixo Séneca que constitúe o máis sagrado ben do corazón humano, non é unha excepción e tamén está de rebaixas.

A lealdade aos principios e ás persoas ou aos afectos, non implica pechar a porta a calquera mudanza. Porén, imaxinemos unha parella que rompe, mesmo de mutuo acordo, sen que medien malos tratos ou sevicias. É evidente que non se deben lealdade como parella, mais si como exparella, unha lealdade diferente, mais lealdade á fin. Sería noxento que el ou ela se dedicasen a espallar intimidades da súa etapa en común.

Coido que isto serve tamén para os partidos políticos. Cadaquén está no seu dereito de mudar de siglas ou abandonar a formación en que militaba. O miserábel é facelo culpándoa das propias frustracións, desacordos e trasacordos xerados por non ter obtido a maioría en decisións tomadas democraticamente.

Cando todo se banaliza e o único que semella mover as vontades é o diñeiro e o propio proveito, sexa este satisfacción do ego ou capacidade de influencia, semella que a lealdade, e con ela a dignidade, se perden no éter.

As xentes de a pé, esa inmensa maioría que somos as que votamos, contemplamos con estupor as contradicións, incoherencias e falsidades que xustifican matrimonios de conveniencia, a se xurar unha fidelidade que para nada contempla a lealdade ao pobo, a primeira débeda de quen se dedica á cousa pública. Moitos son verdadeiros marxistas (de Groucho Marx, e xa sei que non son orixinal) porque practican o de "estes son os meus principios e, se non lles gustan, teño outros". Non avogo pola inflexibilidade, denuncio a febleza de argumentos con que se apiolan algúns para escalar a montaña do poder, por pequeno que este sexa.

Sinto verdadeiro fastío cada vez que oio o de "os que queren romper España". Fan que a vexa como un obxecto de porcelana fina no canto do mosaico de pobos diversos que, guste ou non, vén sendo. Non se fala no mesmo ton dos que a queren manter unida cunha explosión do calibre 155.

Referíndose á severidade dunha persoa, o meu irmán facía a brincadeira de que a vía desexando chegar ao ceo para reclamarlle a Cristo que tivese perdoado á Magdalena. Medo me dan outros xusticeiros que teñen como teima e "leitmotiv" do seu discurso pillar ao goberno nalgunha medida de graza a prol dos que eles chaman golpistas. Son os mesmos que non queren ver saír ao ditador de baixo da lousa que pesa tonelada e media. Esa si que é lealdade... ao golpismo.