domingo. 24.10.2021 |
El tiempo
domingo. 24.10.2021
El tiempo

Estraños no paraíso

GÚSTAME ben máis a melodía de A. Borodin, das Danzas polovtsianas, que deu lugar á canción Estraño no Paraíso, que a que me dispoño a cantar. Aquela, popularizada por Gloria Lasso ou F. Pourcel, entre outros, pertence ao musical Kismet, estreado en Broadway convertido en película en 1955 por Vicenzo Minnelli. Os precedentes hai que procuralos en 1911, mais esa é outra historia.

Recibín con moita esperanza e ilusión a nova de que elixiran Trascastro, no concello do Incio, para se converter en aldea modelo. Este proxecto pretende recuperar espazos rurais abandonados para actividades agro-gandeiras. É un modo de atallar os incendios, protexer os pequenos núcleos de poboación, xerar riqueza e postos de traballo e regresar a xeitos de explotación acordes co equilibrio ecolóxico. Mais, como reza o refrán, "veu o demo e dixo que non estaba ben".

O demo non é o progreso, nin unha mellor explotación dos recursos. O demo é a ollada ambiciosa do deus Capital que, como certos animais, buscan o lugar máis limpo para agasallarnos coas súas feces.

Recordo unha viñeta de hai máis de trinta anos, non sei se de Quesada, do Carrabouxo ou doutro autor, en que un mandatario se dirixía ao pobo con estas palabras máis ou menos: "Non queredes celulosas, non queredes nucleares, que merda queredes?" Á fin, a oferta tiña sempre a ver co campo semántico da porcallada.

Que Trascastro, a Ferrería e San Pedro son templos da natureza non deturpada, non precisa máis demostración que o "pasen e vexan". Por iso agardamos que o parque eólico A Boibela, que a empresa Green Capital Energy proxecta para estas terras, non pase a criba do Ministerio para a Transición Ecolóxica. De facelo, baterían con normas de carácter internacional, por tratárense de terreos de grande valor paisaxístico e seren verdadeiras reservas da biodiversidade.

Somos conscientes de que se precisa enerxía limpa e que de algures ha saír; porén, cómpre botar contas do que se destrúe para obtela. A Galiza tocoulle durante demasiados anos pagar a factura do festín das eléctricas. Encoros, térmicas e agora eólicos, sen que todo isto redundase nunha enerxía ao noso alcance. A solidariedade que se nos pide verbo doutros territorios do Estado, soa a burla. Nese eido levamos moita vantaxe. España non nos rouba, simplemente toma o que hai e esquécenos até a próxima viaxe. É hora de que se abasteza noutrén. Nós xa cumprimos. No Paraíso da Terra Brava nada pintan eses estraños seres aspados que, por superaren toda medida humana, endexamais confundirían a don Quixote.

"Guíame, que me cega a intensa luz", di a canción citada. Oxalá que non nos cegue a que queima o noso futuro.

Estraños no paraíso
comentarios