sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

Como as ondas do mar

HABITAN O mar, xunto cos peixes e outros seres vivos, á par de mitos, atraentes uns, estarrecedores outros, unha gran parte das metáforas coas que nomeamos o mundo e a existencia.

Abonda con repasar as efemérides da historia para que nos acuda á mente a imaxe das ondas coa súa persistencia, a repetir sempre o seu ritual de morte e renacemento. "La mer, la mer toujours recommencée", poetizou Paul Valéry. Así o devir do tempo, sempre recomezado. Catástrofes naturais, pestes, guerras, armisticios, progreso, pobreza, ambición, xenerosidade: nada verdadeiramente novo baixo das estrelas, mais todo inédito en quen o experimenta por primeira vez.

A idea de liberdade tamén está emparentada cos océanos. Sábeo ben o pobo que fala de que non se lle poden poñer cancelas ao mar. Porén, non é doado facela casar con esa obrigatoriedade de repetir sempre un movemento. Se cadra é nas variacións sobre o mesmo tema, por dicilo en linguaxe musical, onde se fai un oco a liberdade das ondas.

Hai hoxe 32 anos que o exército chinés lle disparou á multitude que se manifestaba na praza de Tiananmen. Intelectuais que pedían menos represión e máis ética, traballadores e traballadoras que protestaban por unhas reformas que produciran maior desemprego e inflación, estudantes a liderar tan lexítima revolta. Houbo diferenzas no Partido Comunista, mais á fin o goberno acordou disolver pola forza as manifestacións.

Os tanques e a infantaría produciron un número inmenso de feridos e mortos cuxa cifra exacta é imposíbel de coñecer en país tan hermético. Disque oscilarían en cada caso entre 100.000 e 1.000.000. Na lembranza das persoas de certa idade e das amantes da historia, a imaxe que gañou o World Press Photo, coñecida como "o home do tanque", segue viva e perturbadora, a dar fe da barbarie (in)humana daquel réxime.

Chamárono tamén –ao home– o rebelde descoñecido. Situárase diante da columna de tanques até que se detiveron. Tras conversar co condutor do primeiro, supostos civís retirárono e metérono entre a multitude. Semella que non lle custou a vida, mais foi un heroe. O portugués Manuel Alegre escribiu: "Herói é quem no muro branco inscreve/O fogo da palavra que o liberta:/sangue do homem novo que diz povo/E morre devagar de morte certa".

Por iso, parafraseando o segundo mandamento da Lei de Deus, o de "non tomarás o nome de Deus en van", pediríalles a certas políticas e políticos que non usasen a palabra liberdade frivolamente. Está regada con sangue e bágoas ao longo e ancho da terra e dos anos: é sagrada, xa que logo. Cómpre limpar as mans antes de levala á boca e lavar a boca antes de pronunciala.

Como as ondas do mar
comentarios