Opinión

Como a liñaxe das follas

Un historiador pontevedrés mandoume estes días un pequeno fragmento da Odisea e non fixo falta máis para eu saber que nacera o fillo que estaba agardando. Ningún outro máis acaído neste momento. Traduzo do castelán: «Como a liñaxe das follas, así é tamén a liñaxe dos homes. Das follas, unhas bótaas á terra o vento; outras fainas agromar o bosque cando florea, ao chegar a plenitude da primavera. Así a liñaxe dos homes, un agroma e outro esvaece». 

Sempre foi e seguirá a ser así; mais cando o vento é furacán, as follas caen abruptamente e van podrecer á terra apenas iniciada unha danza no ar. As que aínda non sucumbiron, decátanse da debilidade do pedúnculo que as une á arbore. 

É bo non esquecer que as nosas vidas tamén están atadas á existencia por un fío moi feble. Isto non nos ten que entristecer. Pertencemos a ese outro ciclo da natureza, habitualmente máis longo que o das flores e as follas, tamén coas súas catro estacións. Haberá quen considere afortunada a persoa que chegue a coñecelas todas; porén, non faltará quen coide que aínda é máis fortuna non alcanzar o inverno, a vellez, e así non sufrir os achaques que lle son propios. En todo caso, en tendo calidade de vida, á inmensa maioría non nos desgusta quedar por aquí outra tempada.

Todos os días morren de fame no mundo miles de persoas. En África, por exemplo, un menor de 15 anos cada cinco segundos. Non completarán a primavera do ciclo vital esperábel no primeiro mundo. Tampouco moitos adultos pasarán do tempo que é para nós verán. Na África subsahariana a expectativa de vida debe andar arredor dos 46 anos. Hai alí países que non pasan dos 32, mais xa se sabe como se calculan as medias aritméticas. 

Chéganos a noticia e semella que non nos atinxe, como se a distancia fose unha néboa que non nos permite ver o que hai alén dela. Agora, aínda con moita vantaxe ao noso favor, estamos a experimentar en carne propia a impotencia e a vulnerabilidade. As ausencias que nos deixan amizades e ou familiares, sangran coma feridas. 

Crentes e non crentes, ben podemos facer nosas as palabras do poeta Blas de Otero, na liña das da Odisea citadas: «Si me muero será porque he nacido para pasar el tiempo a los de atrás, / confío que entre todos dejaremos al hombre en su lugar».

Por iso o nacemento de cada neno ou nena é un xeito de lle facer a figa á morte, de esconxurar a nosa caducidade. E, tamén por iso, temos a obriga de lles deixarmos un planeta habitábel. O lugar do home a que se refire o poeta bilbaíno, ha de ser o dos comportamentos construtivos e solidarios, sobre os que se alicerzan a xustiza e a paz. Que os nenos que veñen medren nelas.

Comentarios