Opinión

As cereixas e o tempo

O poder evocador das cereixas guiou a sempre recordada Montserrat Roig no seu libro El temps de les cireres (1976) polo paraíso perdido da nenez, na pescuda da dita que esta froita simboliza para os protagonistas da novela. Confírmase a advertencia do poeta Jean Baptiste Clément, que a autora cita: "Cando chegues á temporada das cereixas, tamén terás penas de amor".

As cereixas son efémeras coma os días e saborosas como a vida cando promete. Se cadra, por iso, o seu celme é melancólico como os seráns de setembro.

A infancia de quen isto escribe é unha apoteose de cereixas. Eran dunha caste chamada garrafal. Agora sei que este nome designa as que son dun tamaño maior do normal, aínda que menos tenras que as comúns; porén, sabían a gloria e, se a memoria non mas agranda, as árbores eran inmensas e non acusaban as demoucas de ramallos inzados dun froito case púrpura. Agatuñábamos sen medo na procura da póla máis alta, alí onde soamente o sol e a chuvia chegaran antes que algún paxaro larpeiro. Mais había para todos.

Agora esas cerdeiras non están. Levounas unha praga hai máis de cincuenta anos e ninguén as repuxo con éxito. Aínda así, seguen no sitio a semellanza dos órganos amputados, que seica doen sen estar, e a iso chámanlle dor fantasma.

Merco cereixas nas froitarías e nos cruces das estradas coma quen merca madalenas de Proust, catalizadores de lembranzas, marcha atrás dos reloxos importada do Bierzo ou do Jerte. Teñen o mesmo saibo que as de outrora ou o recordo me fai trampas? De calquera xeito, quixera ir polo mundo repartíndoas. Sinto que ninguén debe pasar sen catalas cada ano. Venme á memoria aquel veciño que, á volta da emigración e residente na Coruña, regresaba ao Val do Mao no tempo das cereixas para non comer practicamente outra cousa. Era o seu balneario, a súa dieta curadora.

Na película Fresas salvajes de Ingmar Bergman (cito en español, que foi como me chegou, e entendo que deberíamos dicir silvestres e reservar o de salvaxes para os animais), Borg, un doutor eminente, con motivo dunha homenaxe da súa universidade, regresa á infancia polo sortilexio dos amorodos silvestres que abundaban no seu lugar de nacemento. Velaí outro caso particular dunha experiencia universal que, é ben seguro, terá outros paralelismos noutras froitas, sabores e recendos.

O poema que cita Montserrat Roig, está dedicado a unha valente muller que conducía unha ambulancia a noite do 28 de maio de 1871, noite do fusilamento de membros da Comuna. O autor, comuneiro tamén, expresa noutros versos: "Por sempre amarei o tempo das cereixas. / Daquel tempo gardo no corazón / unha ferida aberta".

Aí segue, a da vida.

Comentarios