sábado. 24.10.2020 |
El tiempo
sábado. 24.10.2020
El tiempo

Unha casa en medio da néboa

COMO QUEIRA que o futuro comeza neste preciso instante e o instante devén pasado no continuo fluír do tempo, é absurdo andarse preguntando que é o que nos deparará. Simplemente non existe porque, cando existe, xa non é tal.

Debido a esta anormal normalidade, tendemos a ver no porvir un enigma por estrear, como se non tivese sido sempre así, enigmático. Porén, o dramatismo da situación engádelle un plus de incerteza. Sería improdutivo agardalo sen lle tirar proveito á sorpresa de cada día, que a hai. Sería absurdo camiñar cara a el con medo a non alcanzalo. E sería necidade non velo como o horizonte, sempre máis alá. Un paradoxo, vaia.

Admitamos que, malia todo, aínda sendo un paradoxo, existe. É "un espectro de posibilidades", dixo Stephen Hawking. "O lugar onde vou pasar o resto da miña vida", definiu Woody Allen. Seguro que nel moran os desexos que queremos ver cumpridos. Mais niso é no que nos podemos trabucar. Non é desexábel o regreso a uns usos e costumes que vulneran o planeta e a nós con el.

En contra da afirmación do sofista Protágoras, o home (léase tamén a muller) non pode ser a medida de todas as cousas, entre outros motivos porque habería moitas medidas. Imaxinen a medida de Trump, a de Putin, a de Kim Jon-un, a de Bolsonaro ou Daniel Ortega e a súa vicepresidenta-esposa-bruxa, a de cada un e cada unha de nós..., belicosos, pacifistas, ecoloxistas, contaminadores, integristas, asasinos, honrados, ladróns, xenófobos..., en fin: cada un e cada unha da súa casa. Así está a da humanidade! É moito soñar que, entre esa néboa do porvir, asomará outra na que caiba o mundo enteiro?

Hai, nestes momentos, moita desesperanza, moito desencanto e, se ben non se xustifican, explícanse as formas nocivas de evasión por parte da xente nova. A de máis idade afonda na apatía. Simone Weil, a filósofa e activista francesa que coñeceu na propia carne a guerra e a tuberculose que a mataría con só 34 anos, argumentaba que o desexo é unha arela do pensamento cara ao porvir. Velaí o problema: quen non ve porvir, non ten desexo. Quen non ten desexo non camiña cara a ningures.

Se cadra, a medida de todas as cousas é a terra. A terra fala ao seu xeito e, así como emite queixas, tamén sorrí, mesmo a destempo. Estes días floreceu nesta aba da montaña unha mazaira. Esquecera facelo na primavera. Talvez pide desculpas dese xeito, por máis que non chegue a dar mazás. Gustaríame facerlle un haikú para corresponderlle. Contáronme que tamén en Andalucía algunha cerdeira se vestiu de rosa. Semella que, malia todo, a natureza anda a xuntar as sílabas de rexurdir. Así sexa.

Unha casa en medio da néboa
comentarios