Opinión

Anomía e crime

NON SENDO quen isto escribe socióloga, é abondo atrevemento o de meterme neste tremedal que, como ben saben, é terreo cuberto de herba no que nace auga, movedizo, onde o normal é afundirse. Porén, o sentido común, se é que o teño, hame axudar.

Anomía, ben o saberán tamén, é unha palabra polisémica que se define na primeira das acepcións como "estado de desorganización social ou illamento do individuo como consecuencia da falta ou incongruencia das normas sociais". A segunda é un termo médico: "trastorno da linguaxe que se caracteriza pola incapacidade ou dificultade de recoñecer ou recordar os nomes das cousas".

Aquí pretendo referirme ao primeiro dos significados; mais sinto a tentación de dicir que, alén do estado mental, estamos a chegar a un punto en que unha boa parte da xente nova non é que non recorde, senón que non sabe os nomes das cousas. En todo caso, tanto a organización social como as normas e os valores, teñen moito a ver coa comunicación e a linguaxe.

Máis unha vez lamento que, en aras de potenciar o ensino da relixión, certos sectores arremetesen contra a Educación para a Cidadanía. Non conseguiron o primeiro e deixaron as novas xeracións sen unha serie de pautas de conduta absolutamente necesarias para a convivencia.

É evidente que se fixo e está a facer un uso perverso da palabra liberdade. Cando se entende que é o dereito a facer o que nos peta, sen medir as consecuencias de cara aos demais, é calquera cousa menos ese sagrado dereito das persoas a se realizar como tales. Para sermos libres, temos que ser primeiro persoas. As persoas constrúense desde a empatía, o respecto, o altruísmo e todas as cousas que implican unha escala de valores ben deseñada.

Samuel, o rapaz asasinado pola barbarie duns poucos, seica a tiña. Polo que imos sabendo da familia, foi educado no amor ao próximo. Os asasinos, semella que non. Claro que, como se adoita dicir, hai quen sae atravesado ou atravesada malia todo. Aínda así, négome a pensar que as condutas non poidan ser modificadas e creada a conciencia do ben e do mal.

Cando existe un baleiro, un oco, calquera cousa ou bicho pode apousentar nel. A carencia de normas e principios crea ese baleiro moral que as mandas salvaxes tenden a ocupar. Non é preciso que entren as propostas asasinas directamente. Abonda con que se dean as condicións para que a besta que levamos dentro actúe pola súa conta.

O alcohol, por exemplo. Por que conducir embriagado é unha agravante e matar a alguén baixo os seus efectos é unha atenuante?

Hai normas, mais non se teñen en conta. A peste da anomía, que pode alcanzar a calquera, non ten máis vacina que a educación.

Comentarios