Opinión

Ano bisesto, ano funesto?

REMATA O xaneiro deste ano bisesto, que non por tal ten que ser malo e facer verdade os numerosos refráns, galegos e casteláns, que o deostan («Ano bisesto, ano funesto», «Año bisiesto, ni viña ni huerto», «Año bisiesto, ni aquello ni esto» e un longo etcétera). Porén, entre que a Gloria ( nome paradoxal para unha borrasca) resultou inferno para moita xente, a barbarie machista zoupou con renovada furia nas mulleres e os conflitos de parella, en criaturas inocentes, a dúbida teima en facer un oco no noso pensamento. Secasí, as causas son outras.

Souben do pasamento dun antigo alumno de Guitiriz, Jonathan Carro, ao que Alfonso Blanco Torrado, o cura de Xermolos, lle dedicou un recordo cheo de sensibilidade no diario El Progreso. Eu perdéralle o rastro e descoñecía que cumprira o seu desexo de ser bailarín e abrir camiño a outros na danza rítmica. Ben seguro que agora anda a bailar coas estrelas nese alén que moitas persoas soñamos para non renegar do aquén.
Malia todo, este mundo é fermoso e ás veces chegan novas do paraíso perdido. En San Martiño de Mondoñedo (Foz) está enclavado o Espazo Caritel, onde vive e traballa o artista multidisciplinar Daniel Caxigueiro. Plantado por el, talvez o mítico Edén se replica no seu xardín. Alí árbores autóctonas e foráneas, infinidade de variedades florais e outras plantas, conversan co nordés e os paxaros.

Mais eu quero recomendar a quen isto ler a exposición «A métrica do ilusionismo» que, desde o 19 de decembro até o 25 de febreiro, se pode visitar no Museo Provincial de Lugo. Alí constátase até que punto é real a afirmación de Castelao: «Todas as artes son amigas». 

Alí constátase até que punto é real a afirmación de Castelao: «Todas as artes son amigas»

Di Caxigueiro, «o mundo empeza e acaba onde pousamos a ollada». Póusaa el e devólvenola a nós recreada nas súas esculturas, en instalacións ou fotografías, na palabra poética que, certamente, non toma en van: «gustaba da arte efémera / e da poesía / deixaba versos no po / no bafo dos cristais/ e na beiramar / (...) / devecía por escribir nas ás dalgunhas aves». Grazas lle sexan dadas pola beleza que crea e pola fondura e compromiso que transmite.

Mañá é febreiro. Oxalá que traia boas novas. As malas xa nolas deu en ‘El Corbacho’ (1438), xoia da misoxinia, o arcipreste Alfonso Martínez de Toledo: As mulleres nadas neste mes seica somos «malas, recelosas, ávidas, infieles, coquetas, de mudable condición» e outras perversidades. O estraño é que non estendera estas «loas» a todas as fillas de Eva, porque ningunha sae indemne do seu xuízo. Outro clásico comparou as febreiras con harpías. Á fin, así foi como se escribiu todo o capítulo de culpas que nos converte en albo da violencia.

Comentarios