jueves. 09.04.2020 |
El tiempo
jueves. 09.04.2020
El tiempo

A Raíña Branca

Seica en Cercedilla, a localidade dos irmáns Fernández Ochoa, na serra de Guadarrama, lle chamaban á que fora campioa de esquí «a Raíña Branca».

Disque a Raíña Branca, tal a princesa do poema de Rubén Darío, estaba triste. Non nos preguntaremos, como o poeta nicaraguano, que tería a princesa. É doado intuír que lle secaran as fontes da alegría, as ilusións de outrora, as perspectivas dun futuro medianamente atractivo. Quizais botou contas e concluíu que só lle quedaba a montaña.

A montaña, a mesma que a trouxera de Carabanchel, do Madrid que a vira nacer, para estar, como os seus irmáns, a carón das pistas de neve. Agora montaña de agosto, desposuída da moleza branca que forman as folerpas. Montaña, simplemente, co seu misterio e a súa chamada á ascese que, no seu significado xenuíno, significa adestramento físico e, no uso actual, regras e prácticas encamiñadas á liberación do espírito e o logro da virtude.

Virtude, que vén do latín "virtus, virtutis", valor, o que talvez procuraba a raíña sen trono penas arriba. Penas arriba e penas na alma, se queremos facer un xogo de homonimia inspirado na cantiga nosa: «Non sei que ten o canteiro, / non sei que ten, que non canta: / anda de arredor da pena / e a pena non se lle arranca».

Escribo o mércores, horas despois do achado do corpo da primeira e única medallista olímpica do Estado español no deporte da neve. Empezan -ou continúan-as especulacións. Sábese que tiña un forte golpe na cabeza. Sábese tamén que eran frecuentes as súas escapadas á montaña, noites incluídas durmindo ao raso, baixo a ollada das estrelas. Era, sen dúbida, unha muller valente, capaz de se medir co medo -se é que o tiña- e coa soidade que tanto amaba.

Do mesmo xeito que amaba a súa familia: nai, fillos, irmáns, aos que endexamais querería ferir buscando a propia morte. For cal for a causa do fatal desenlace, Branca Fernández Ochoa acudiu á chamada da montaña e alí, emboscada, estaba ela, a da gadaña. O que nunca saberemos é se, despois de todo, foi un encontro desexado ou se nin sequera se apercibiu da súa presenza por chegar inesperadamente e envolta en sombras.

O que non viu o garda que descubriu o seu cadáver, nin tampouco os que o foron recoñecer e levantar, é que estaba cuberta de neve. Estou certa de que sentiu como caía maina, a cubrila piadosa co seu pano, ao tempo que ela, xa sen mágoas, viaxaba cara a outra dimensión.

De colofón, uns versos de Olga Orozco que traduzo: «Aínda que se borren todos os rastros igual que as buxías no amencer / e non poidas lembrar cara atrás, como a Raíña Branca, déixame no ar o sorriso». A Raíña Branca xa nos deixou no ar o seu sorriso.

A Raíña Branca