Opinión

A paz é o camiño

BOA PARTE dos que se dedican á cousa pública, maiormente os xerifaltes, semellan non se decatar de até que punto nos abafan os seus discursos incendiarios. As palabras, que terían que procurar o entendemento, son fósforos acesos xunto a un bidón de gasolina.

«Non hai camiño para a paz, a paz é o camiño», dicía Mahatma Gandhi e estou certa de que non se equivocaba. Non hai camiño, o que a fai máis difícil de acadar. O gran paradoxo consiste en que ela mesma é a única vía. Unha vía costenta que desemboca no mellor dos mundos posíbeis. Constrúese con xustiza, tolerancia, xenerosidade, verdade e, sobre todo, empatía e amor cara aos seres humanos e a terra que os acubilla.

Pola contra, os camiños cara á guerra son moitos e coñecidos, costa abaixo sempre até daren no precipicio. Están feitos de ambición, mentira, prepotencia, avaricia, pensamento único, falta de empatía e de amor ao próximo.

Os que andan a sementar odio en nome dos propios ideais, actúan con violencia porque, como tamén dixo o pensador pacifista, «a violencia é o medo aos ideais do outro». Son os mesmos que lle chaman á vinganza xustiza para que resulte politicamente correcto clamar por ela. Vinganza porque carecen de grandeza para perdoar. Mais, perdoar que? A diverxencia ideolóxica, sempre que respecte a dos outros, é lexítima. Porén, a intolerancia é a marca indelébel de todos os totalitarismos.

Pon pel de galiña escoitar a algúns políticos, verborreicos deslinguados, a repetir mentiras as mil veces que pedía Göbbels para convertelas en verdades. E unha pregúntase se o que sente é algo semellante ao medo ese que se converte en violencia fronte aos ideais dos outros. Porén, hai ideais e ideais e hai que mirarlles directamente o rostro. O rostro fiábel é o que reflicte humanidade. Dito doutro xeito, a política fiábel é a que procura o ben de todas as persoas, non só o das clases dominantes.

Estarrece a profanación de tumbas, esa violencia "post mortem" para agredir covardemente aos vivos, practicada por descerebrados dunha e outra corda. E non falo do ditador quen, por suposto, debe ser exhumado -con todo respecto- dese túmulo honorífico que ofende á democracia.

Manca a rixidez, a curtidade de miras por parte dos da verdade única, que non serve máis que para agrandar conflitos antigos. «O camiño vello -dille un avó ao neto nunha das "Cousas" de Castelao- non leva a ningures». Ou si, mais é mellor non dicir a onde. Cómpre coñecer a historia para saber que nada é inmutábel, que todo se pode cuestionar desde a honradez e o compromiso coa paz. É necesario poñerlles couto aos que queren repetila.

Comentarios