Opinión

A nena non existe

ESTE VENRES CELÉBRASE o Día Internacional da Nena, declarado así pola Onu; mais nena é unha idea, un concepto. Quen existen son as nenas. O nome da conmemoración é ben contraditorio se temos en conta o tema deste ano, 2019: "Unha xeración de nenas sen un guión preestablecido e imparábeis". A expresión a nena evoca xustamente un arquetipo, un modelo para imitar, un guión preestablecido. 

Porén, o importante é a finalidade do evento: "celebrar todos os logros alcanzados por, con e para as nenas desde a adopción da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing e a Convención sobre os dereitos do neno en 1990". 

A Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller, celebrada en Beijing en 1995, vai para un cuarto de século xa que logo, estará na memoria das persoas de certa idade porque asistira a ela unha representación das deputadas do Parlamento de Galicia, de todas as formacións políticas presentes no mesmo. Coma sempre nestes casos, houbo quen o considerou un dispendio; mais, por estaren as nosas representantes, as mulleres galegas estivemos alí, nun acontecemento histórico a partir do cal dá un gran pulo o concepto de igualdade de xénero, porque 189 países subscribiron a amentada Plataforma de Acción que establece unha serie de obxectivos estratéxicos, resumidos en doce eixos fundamentais: 

A muller e a pobreza. Educación e capacitación da muller. A muller e a saúde. A violencia contra a muller. A muller e os conflitos armados. A muller e a economía. A muller no exercicio do poder e a adopción de decisións. Mecanismos institucionais para o adianto da muller. Os dereitos humanos da muller. A muller e os medios de difusión. A muller e o medio ambiente. A nena. 

Mais unha vez, o reiterado uso do singular converte en abstracta unha dor con nomes e apelidos, imposíbeis de enumerar, plural como as mulleres que constitúen máis da metade dos seres humanos. 

Existen 12 millóns de nenas menores de dezaoito, obrigadas a casar cada ano. Existen 130 millóns de nenas que non poden ir á escola. Existen aproximadamente 15 millóns de adolescentes obrigadas a manter relacións sexuais. Son datos da Onu. 

Se na cultura occidental mulleres destacadas teñen maior dificultade que homes mediocres para acceder a certos postos, non é difícil imaxinar con que fichas xogan as nenas de países en que xa as consideran inferiores e carentes de dereitos desde o nacemento. 

Aínda así, ao prezo da vida, andan mulleres a cambiar o mundo. Penso nas guerrilleiras kurdas que lle plantaron cara ao Estado Islámico, bombardeadas agora por Turquía. Sobrevivirán para contárllelo ás súas nenas?

Comentarios