Opinión

99 velas para don Henrique

Sexamos obxectivos: se o Comité Nobel Noruegués, integrado por cinco membros elixidos polo Parlamento daquel país, designou a don Henrique para Premio da Paz de 1973, non foi un acto arbitrario. 

A vida é xenerosa con este home e dálle tempo para un ‘mea culpa’ que nunca entoará. E non o entoará porque, glosando a canción do Manoliño, a quen levaron preso polo que vostedes saben e eu non debo dicir, «fixo ben, fixo moi ben, que nos EE.UU. non manda ninguén». 

Seica lle concederon tan prezado galardón polos seus esforzos para rematar a guerra do Vietnam, ‘ex-aequo’ coa outra parte, representada nas negociacións por Le Duc Tho, o militar norvietnamita que rexeitou o premio por considerar que a paz aínda non chegara. En efecto, cos Acordos de París, a guerra non rematou. O exército americano foise; porén, a guerra aínda durou dous anos máis. Nada que non repetiran en máis países porque, o que é pacificar, non pacifican nada. 

Mais volvamos a don Henrique, ese sabio e venerábel ancián que hoxe, se o ten por costume, apagará as noventa e nove velas dunha torta de chocolate ou calquera outro compoñente celmoso, rodeado da súa xente. E, se cadra, aínda enviará algúns consellos ao goberno do seu país e aos seus afíns do mundo mundial, tal como fixo en abril do 2020, a falar do covid-19. Salvo algún matiz, parecían razoábeis. O problema é que neste mundo case todo é cuestión de matices. 

Ano 1973, como se indicou, así que o mandatario xa tiña no seu haber os bombardeos con napalm (ai, a nena espida da terríbel fotografía!); mais aínda faltaban os apoios aos ditadores de Sudamérica (Paraguai, Brasil, Chile, Arxentina, Bolivia...) do Plan Cóndor artellado por el xunto coa CIA. Tratábase, sobre todas as cousas, da defensa do ultraliberalismo. Porque -desdicíndome- nos EE.UU. manda o deus Capital e todo se debe facer no seu proveito.

Non está de máis, en día tan sinalado para o Nobel, recordar estas cousas. Non é rancor nin vinganza, é xustiza. Como sería tamén xusto que, se non renuncia el, llo retirase quen llo outorgou. Non valerá para lles restituír a vida aos mortos nin borrará a dor das sociedades que tanta padeceron, mais será didáctico ver como a historia pasa factura e pon cadaquén no seu lugar. As novas xeracións deben coñecer estas cousas.

Algúns mozos e mozas saberán de cal don Henrique falo, a maioría non. É alarmante o descoñecemento de sucesos recentes, por máis que aconteceran antes de estaren eles no mundo.

O todopoderoso Henry Kissinger, Conselleiro de Seguridade Nacional e Secretario de Estado até 1977, nos Estados Unidos de Norteamérica. Aí segue e o seu exemplo infesta.

Comentarios