Opinión

Un 8M calquera

CLARO QUE que non é este un 8M calquera. Hai un marmurio de fondo, un runrún que se escoita vaias por onde vaias e que está a debuxar a paisaxe en tons violetas. Ó abeiro dunha profunda corrente de sororidade, entre cancelos e alentos, se afinas o oído podes sentir que di que si, que "Desta vai", que se todas -e todos- empuxamos a un tempo podemos cambiar, cando menos, o rumbo.

Sen siglas. Sen paraugas político ou sindical algún. Completamente núas presentamos as nosas credenciais de muller na praza deste 8 de marzo para visibilizar que estamos aquí cos nosos estudos ou traballos ó lombo, cos nosos fillos da man e unha equipaxe cargada de experiencias, de ideas para encetar de novo e de soños por cumprir, pero tamén cun lastre de discriminación e desigualdade que nos vén herdado e do que queremos desprendernos xa.

Cando eramos pequenas nos ensinaron que se nos preparabamos ben, poderiamos chegar ata onde quixesemos, pero levamos xeracións dando coa cabeza nun teito de cristal que deixa ver todos os espazos nos que non se nos agarda. Topando co muro da tradición cada vez que queremos dar un paso adiante. E malia que aínda hai quen se empeña en facer daquelas nenas que fomos e as que son unhas fillas, nais, esposas, amantes, profesionais...perfectas, o certo é que descubrimos que se está mellor e máis feliz sendo imperfecta ou cuspindo de cando en vez algunhas verdades.

Contan os que o viviron, que cando hai un movemento sísmico, de súpeto, a terra empeza a tremer suavemente baixo os pés, primeiro a lenes golpeciños. Que se pegas o oído no solo, podes escoitar un susurro ó lonxe, un ruído xordo que se achega, unha voz subterránea que non asusta. Que conforme se sinte máis cerca arrastra canda ela toda a enerxía dunha onda arrolladora. Desta volta, somos nós. É a nosa voz a que se escoita. E a forza é a nosa. Empuxada polos milleiros de mulleres que desde todo o mundo reclaman que se nos teña en conta, que se respecten os nosos dereitos e se nos abran as portas. E empuxada tamén polos que hoxe quedan detrás dos mostradores, dos quirófanos, dos micrófonos ou dos fogóns erguendo o día coa súa complicidade necesaria.

Hoxe, cando paremos o mundo estaremos pensando en brechas salariais e a conciliacións. Nunha demografía que se nos bota enriba. Nas nosas fillas e nas nosas avoas. Pero tamén nas nenas doutras realidades que cada ano son mutiladas, nas que son explotadas ou vendidas a homes maiores que pagan por casar con elas. Nas que non teñen nin liberdade. Lembraremos que queremos deixar de contar mortas, porque nos queremos vivas. E que queremos seguir crecendo e conquistando novos escenarios.

Din que este 8M imos pasar unha páxina da Historia. O único que eu sei é que agora nós tamén estaremos para escribila.

Comentarios