Opinión

Valoración ética dos subsidios (I)

As prestaciónS económicas facilitadas polo Estado en momentos de necesidade, e como compensación, teñen un efeito económico inmediato: contribúen ao mantemento do consumo, co que se palían nun primeiro momento de crise os efeitos devastadores da caída de emprego e de ingresos subsecuentes. A roda do consumo é fundamental como combustíbel da actividade económica, xa que, se se para, sofre inmediatamente a oferta: aumento de stocks sen vender, caída de produción, máis paro, máis caída de demanda… e así se continúa o círculo vicioso da creación de pobreza en lugar da prosperidade. Esta é unha moi elementar formulación do papel do Estado como fornecedor de atención en momentos de crise, catástrofe, guerra ou calquer outra desgraza inesperada. Trataríase de mitigar a curto prazo os efeitos negativos da destrución que acompaña esas situacións ou eventos citados. Este tipo de razoamento é o apoio político que acadou no Congreso dos Deputados o Ingreso Mínimo Vital (IMV) aprobado sen nengún voto en contra e contando só coa abstención da extrema dereita.

As consideracións previas realizadas antes da aprobación do Real Decreto Lei que institúe o Ingreso Mínimo Vital foron nomeadamente as relativas á influencia sobre o consumo, así como o seu carácter de alavanca de inclusión social. 

Os dereitos dos cidadáns son —ou deberían ser— idénticos ante a lei

O feito de aprobar neste momento un instrumento de loita contra a pobreza, que formou parte dos acordos entre o PSOE e UP para a formación de goberno, constituíu unha oportunidade única de levalo a cabo. Ninguén supuña no mes de Xaneiro —toma de posesión do goberno do Estado— que as circunstancias de Maio serían tan penosas que até o PP se sumaría á aprobación dun instrumento público de compensación que á parte de recentralizar unha outra competencia supón unha presión engadida para as contas da Seguridade Social, mais ten a enorme virtude de frear inmediatamente a desaparición dunha parte do consumo por aumento de paro, de caída de actividade, de non recuperación económica inmediata…
A filosofía política en que se apoian estas accións do Estado está sempre nas antípodas do liberalismo económico. Porén, non polo feito de sermos proclives ao papel redestribuidor do Estado e/ou motor activo da loita contra a desigualdade, atopámonos unívoca e unilateralmente a favor da forma en que esa función se está levando a termo.

Os dereitos dos cidadáns son —ou deberían ser— idénticos ante a lei. Isto esixe a creación dos instrumentos legais e institucionais precisos para o seu cumprimento efectivo. O dereito universal ao traballo é de difícil realización na economía española, xa que hai un paro estrutural que non desaparece nen nas épocas de crecemento. Tamén hai unha corrente continua de emigrantes: outra manifestación de paro estrutural. Non é posíbel, polo que demostran os feitos, que se poida vincular a percepción dunha renda mínima a ter traballo porque non o hai nen con vinte reformas laborais como a do pasado recente do PP. Logo, por forza dos feitos a obriga de vincular IMV á busca activa de traballo é só un requisito retórico porque as bolsas de parados son, por sectores e por zonas, moi ríxidas, de difícil desaparición (Continuará).


 

Comentarios