Opinión

Turismo máis que precario

Tratabamos a semana pasada de certos problemas nacidos en torno a un turismo de masas. En concreto, as deseconomías asociadas á súa propria existencia. E a só existencia dos elementos negativos ou mesmo destrago de recursos significa un problema económico. O máis visíbel é a necesidade de investimentos públicos en creación de infraestruturas adecuadas ao aumento do consumo de bens imprescindíbeis, mais aumento temporal. Por exemplo, as necesidades de subministro de auga potábel en poboacións que multiplican por 10 o seu consumo no verán. Asociada ao consumo está a de depuración das augas utilizadas, xa que pouco se podería pretender do turismo, se as praias se ven adornadas de augas sospeitosamente atoldadas. Estes gastos son por definición públicos e non reverten no benestar das poboacións estábeis dos lugares oficialmente turísticos. A capacidade de recepción dunha masa de turistas está limitada pola capacidade de subministro en condicións de calidade e control destes bens imprescindíbeis.

Outro problema é o asociado á evolución do prezo da vivenda habitual nunha zona turística ou hiperturistizada. Ao non existir política municipal, autonómica ou estatal de vivenda pública ou de control público, a dominante presenza do mercado manda sobre o prezo, e os posuidores de vivendas para alugar elixen alugueres turísticos pola rendibilidade individual. A consecuencia inmediata é o desprazamento cara outras poboacións próximas de demanda de vivenda habitual para cidadáns residentes estábeis, ou simplesmente desprazamentos permanentes de cidadáns mozos cara outros países ou outros mercados de traballo de mellores condicións, tanto laborais como de vivenda. É preciso ter en conta outro feito concatenado co anterior: os salarios vinculados ao turismo de masas son, en termo medio, baixos. As condicións de traballo tamén son de difícil homologación cos estándares de xornada (tanto horarios como de intensividade no desempeño) doutros empregos. Hai contratos en hostalaría que sen chegar á xornada completa —6 horas diarias— desenvólvense cun horario imposíbel: 8 a 10 da mañá, 2 a 4 da tarde e 10 a 12 da noite. Sobreentendemos que é imposíbel desempeñar este posto, ter vida privada compatíbel con obrigas familiares e receber de salario o 60% do salario mínimo.

Este modelo de traballo, precario por definición, ten consecuencias económicas de extensión social. A imposibilidade de pagar unha vivenda digna no mesmo lugar turistizado, o consumo de bens de primeira necesidade de fácil acceso e baixa calidade, a precariedade asociada á nula posibilidade de gardar prácticas de boa saúde mínimas ( quen pode con ese horario comer saudábel, alimentos cociñados...), como se pode pretender que con salarios dese tipo o consumo constitúa un tirón da demanda e por tanto de certo crecemento económico? É imposíbel.

E para rematar esta pequena listaxe de elementos que significan efeitos prexudiciais do turismo, a necesidade de importar alimentos para cobrir unha demanda temporeira deixará a súa pegada nos prezos dos alimentos a longo prazo. Se o subministro pontual de alimentos importados (case todos procedentes dos conxelados, desde o pan, pescado, carne, transformados...) se impoñen, no mercado acaban substituíndo os proprios e a consecuencia inmediata é a caída da propria produción

Comentarios