Opinión

Tren para Lugo

Non hai base de racionalidade económica para denominar sostíbel o investimento en tren de alta velocidade para cobrir as distancias galegas

AÍNDA que se comece por unha obra como unha estación intermodal, debemos felicitarnos porque dá a impresión que se está iniciando unha etapa nova nos transportes por vía férrea para Lugo. Este inicio, de momento un anuncio de Adif de licitación do proxecto, pode ser un bon indicio de que hai plans para dotar as comunicacións de Lugo e provincia de servizos ferroviarios. Non é sen tempo. No momento en que unha boa parte da Galiza atlántica pode usar servizos ferroviarios normalizados, Lugo está absolutamente infradotada e, polo tanto, discriminada, no reparto dos investimentos das últimas décadas, polo que se refere ao investimento público en vías e servizos de ferrocarril. Débese engadir ademais que a provincia de Lugo ten unha poboación moito máis dispersa -en termos relativos á Galiza occidental- pero coas mesmas necesidades de transporte que calquera habitante do entorno de A Coruña, Santiago, Pontevedra ou Vigo. Os lucenses necesitan e merecen ser obxecto de atención pública con investimentos acaídos aos tempos actuais, igual que os outros cidadáns, sexan estes de calquera cidade dormitorio de Madrid, usuarios do tren subterráneo de Madrid (que se pagan con orzamentos públicos) ou cidadáns de Córdoba ou de Sevilla. Os lucenses necesitamos poder viaxar a Coruña, a Santiago, a Ourense, a Viveiro/ Ribadeo ou a Pontevedra, nun tempo semellante á duración das viaxes desde Santiago ás cidades citadas: nen máis nen menos. E non estamos falando do pegañento tema do Ave que constituíu durante varios períodos unha especie de engado na práctica política da pesca de votos: expresión de desexos inalcanzábeis de se comunicar por tren alcanzando os 300 km. por hora, para, dicían, chegar a Madrid en tres horas. Non falamos do Ave e si de tren para Lugo porque temos serias dúbidas de que no momento presente a alta velocidade responda ás necesidades do transporte terrestre de persoas (é sabido que o Ave non leva mercadorías). Non hai a máis mínima base de racionalidade económica para denominar sostíbel o investimento en trens de alta velocidade para cobrir as distancias galegas e coa demanda posíbel. Construír un km de Ave pode chegar a superar os 25 Millóns de euros por km (Tribunal de Contas Europeo). No caso do Ave Madrid-Galiza máis, xa que precisa túneis de dobre boca e máis viadutos para salvar desníveis, outeiros, montes e montañas de todo tipo. O Ave é caro para construír, caro para manter e caro para circular por ser grande consumidor de electricidade. E non é rendíbel por si mesmo cunha demanda anual do tamaño da que pode proporcionar Galiza (nen multiplicando por 10 a esperada). Non podemos referirnos ao Ave porque esa consigna de chegar moi rápido a Madrid só cobre a necesidade de certos demandantes que poden substituír a viaxe por videoconferencia. Os peregrinos -se son tais- veñen andando, a cabalo ou en bicicleta. Lugo precisa tren, que comunique ben co resto de Galiza, que enlace co aeroporto e que demostre que os investimentos públicos serven para cobriren necesidades dos cidadáns e non das compañías construtoras.

Comentarios