Opinión

O tren lucense na política económica

Ía comezar dicendo que neste fin de ano 2021 estamos nunha situación parecida á de fins do século XIX no relativo a investimento público estatal en Lugo. Pero hei de rectificar. Estamos relativamente pior comparándonos co nível observado do servizo ferroviario existente hoxe. No sistema de vías radiais do Estado, Lugo alineouse coa Coruña polo feito de ser capital de provincia e ponto de pasaxe. E desa circunstancia tiramos a única avantaxe derivada para receber algo do investimento público en infraestruturas de comunicación terrestre, nun momento histórico de interese político de dotar á Coruña.

O sistema estabelecido na vella administración española, remedo da francesa, consistiu en considerar que Madrid era o centro, non da península, senón do Estado a consolidar, e dese modo e maneira a construción de vías de comunicación públicas e financiadas ao xeito que conviñese debería ser reflexo e columna desa ansia centralizadora. É dicer, non hai racionalidade de construción, nen de comunicación nen de vertebración nunha variábel económica -a do transporte- que se traslada aos custos de produción, senón pura e simplesmente unha decisión política de contribuír á creación dun Estado centralizador usando a economía como un instrumento tipo forceps. 

A fins do século XX unha decisión política da mesma natureza foi a de facer o primeiro Ave Madrid- Sevilla en tempos do goberno de González. As relacións económicas conducentes ao crecemento económico favorécense cunhas vías de comunicación deseñadas segundo a orografía da Península, atendendo así mesmo ás necesidades de relacións dos centros produtores dos bens intercambiados. As vías verticais no sentido norte-sur e as intercomunicacións en horizontal, con enlaces curtos, terían significado un grande aforro construtivo, un mantemento equilibrado co seu uso e un rol decisivo na comunicación terrestre entre economías, hoxe isoladas. 

Aquí reside a explicación da incomunicación, do illamento económico, do empobrecemento relativo e do suposto destrago que significa construír despois do sistema radial un outro que comunique o que ficou illado. 

Nesta segunda década do século XXI pagamos con fondos fiscais as vías interiores da CA de Madrid que é unha provincia hipertrofiada en dimensión de poboación absorbida. É dicer, as necesidades de comunicación interior da provincia de Madrid e das cidades da súa conurbación son parte do gasto estatal que succiona fondos polo só feito de ter xa construcións. Unha parte deses fondos (deses que se di vulgarmente que son limitados) poderían ter o destino, por exemplo, de comunicar as cidades galegas (as 7: catro capitais de provincia e Vigo, Santiago e Ferrol) con liñas de ferrocarril actuais.

Poderían ser destinados a crear comunicacións acaídas cos viciños actuais e outros con posibilidade económica de intercambios desexábeis como é o caso de Asturias, Euskadi, Portugal, Extremadura, Cataluña ou mesmo Andalucia. E, finalmente, mais non último, poderían ter valido para electrificar (!!) de acordo cos requerimentos técnicos actuais as liñas con centro en Lugo. E así seguimos ano a ano. 
Os gobernantes, en alternancia PP e PSOE, non se dan posto de acordo, ou significa unha falta de peso político galego sobre as decisións políticas dos distintos gobernos.

Comentarios