Opinión

Tarxeta bancaria do Concello

Ía comprar entrada no Auditorio Municipal Gustavo Freire para a presentación (danza e música) Mercedes mais eu. Fiquei expulsada da sala de venda de billetes, sen entrada, e sen poder acceder á sala do auditorio, por razóns de xestión dos cobros das entradas absolutamente inútil, cando non ilegal. Un aviso dicía que por ordenanza municipal de Tesouraría (a verdade que non aclaraba en que norma legal previa se apoia para ditar esta ordenanza,) desde o día 1 de xaneiro, as entradas dos espectáculos promovidos polo Concello só se poderán abonar con tarxeta bancaria. Entrego tarxeta, pasan polo terminal/ leitor e non vai. Só hai este terminal? perguntamos; si, só hai un, e o problema é que a súa tarxeta non vai. Haberá unha outra saída: por exemplo, cobrar ao final unha vez que remate a función e o terminal teña arrefriado, xa que debe de ter o circuíto quente. Non foi posíbel nengunha solución xa que a capacidade dispositiva dos encargados da venda era moi cativa, por non dicer nula, e a norma tiña corpo grande duro e pesado, é dicer, case o contrario de xusta, adecuada e con certa ductilidade na aplicación. 

É legal a norma da tesouraría municipal? Imos supoñer que si, polo só feito de estar en vigor e ser de obrigado cumprimento e para os que teñen que aplicala xa a converteron en legal de facto. É dicer, é un ucase: edicto do zar ou de calquera autoridade semellante que non ten apelación. Pensando que o noso estado legal é o que se corresponde cun estado de dereito, voume permitir poñer en cuestión o axustado da norma, a súa lexitimidade e, finalmente, en base a eses criterios, a súa legalidade. 

As entradas vendidas ao por menor para un espectáculo público son exactamente iso: venda de servizos individualizados en condicións públicas, con acceso garantido a todo o público, e que no teñen carácter de taxa, nen prezo público, son un servizo público prestado en rexime do dereito privado: venda de entradas ao público en xeral, dun determinado acto cultural. Neste caso os medios de pago son os admitidos para o tráfico mercantil privado: os legais en curso que son o diñeiro (euros en moeda e mais en papel) admisíbel como medio de pago en todo o ámbito do espazo económico euro. As tarxetas bancarias non son un medio de pago esixíbel porque non son un medio de pago universal. Non están en posesión dos cidadáns en calidade de titulares dunha tarxeta identificativa chamada documento de identidade: mesmo os menores de idade non obrigados a teren ese documento poden posuír e dispoñer de diñeiro en efectivo para realizar transaccións comerciais, entre elas comprar entradas para os actos públicos. Haberá obxectores de conciencia bancaria que non queren posuír tarxeta bancaria: están no seu dereito e non hai ordenanza municipal que valla, e finalmente, pero non último factor, hai persoas excluídas economicamente do contrato das tarxetas bancarias e non por iso deben ser excluídas polo Concello de Lugo de asistir a calquera espectáculo. Concluímos: se non é ilegal esta ordenanza, ándalle moi cerca.

Comentarios