Opinión

Son iguais os pensionistas? (I)

Fálase moito do colectivo de pensionistas e adóitase tratar como se dun grupo coherente e único se tratar, cando en realidade non é nen sequer un grupo de intereses. Hai unha serie longa de diferenzas entre componentes dese grupo co nome de pensionistas. Hainos perceptores dunha pensión de xubilación (contributiva, por tanto) dunha cuantía anual de 39.474 euros anuais brutos ( é dicer, antes de impostos). E hai pensionistas perceptores dunha pensión de xubilación despois de ter traballado desde os 14 anos —ou sexa, 51 anos— e receber 12.467 euros brutos ao ano (exentos de contribuír). Hai pensionistas que teñen vivenda propria e outros non. Hai pensionistas con cargas familiares e outros non.

Hai pensionistas que teñen vivenda propria, receben rendas de alugueres de bens inmóbeis da súa propriedade, e outros non. Hainos que teñen aforros colocados no mercado financeiro e receben ingresos anuais por estas rendas do capital. Hai pensionistas que receberon mentres traballaban salario en especie que, unha vez xubilados, pode ser unha renta complementar, e outros non. Hai pensionistas de pensión mínima que, por diversas circunstancias legais, do tipo de afiliación ou da cotización asignada ao seu grupo de traballo (segundo clasificación non elexíbel) non receben unha pensión contributiva senón que se viron relegados (mellor dito relegadas, son maioritariamente mulleres) a receberen unha pensión non contributiva. Hai persoas que, despois de seren empresarios autonómos toda a vida laboral e teren cotizado segundo lei polo tramo máximo, cobran unha pensión contributiva pequena ou moi pequena e sen posibilidade de modificación. Hai persoas que desexarían seguir traballando despois dos 65 anos, mais vense abocadas á xubilación obrigatoria e non poden engadir ingresos á pequena pensión que lles tocou (?) receber. Hai pensionistas que tiveron 15 anos conxelada a súa pensión e só agora, cando se fala de incluír as pensións no pacto de contención (chamémolo recorte e acabamos antes) de rendas, ven sobrevoar o agoiro de non teren un pequeno respiro no límite dos seus ingresos. E hai, finalmente, pensionistas que só receben unha pensión non contributiva despois de traballaren a vida activa en condicións de precariedade absoluta. Tamén houbo emigrantes que, dependendo do seu destino e da solvencia en equidade do Estado onde lles tocou traballar, o mesmo receben pensión polo tempo traballado (en Alemania, en Suiza, en Francia...) que non receben nen o que lles corresponde, tal e como sucedeu en Noruega cos tripulantes galegos que traballaron, cotizaron e pagaron impostos, exactamente igual que os traballadores de pasaporte noruegués, para se veren logo abocados a un longo proceso xudicial en reclamación do debido. O problema é tratar este diverso grupo con intereses non idénticos como se dun só colectivo homoxéneo se tratar. Non existe ese colectivo de pensionistas: existen perceptores de pensións de xubilación con posibilidades de se desenvolveren de forma autónoma mentres manteñen a súa capacidade persoal, e outros que non.

Por tanto, é inxusto tratar igual os desiguais, e tamén pouco racional, economicamente falando, considerar que as pensións de todos os pensionistas son o mesmo tipo de ingreso (Continuará).

Comentarios