Opinión

Servir de comer ou botar de comer

Esa é a grande diferenza entre sentirse servido e tratado como un ser humano que come fóra da casa, ou que alguén –no límite do trato correcto– che bote de comer. E é xusto iso o que parece que pasa a medida que medra e ten éxito o turismo.

Sabido é que cando hai crise, perda de actividade económica, aumento do paro ou mesmo das esperanzas de atopar traballo cunha remuneración adecuada, aparecen os salvadores da situación que, sen pensaren en arranxar o desastre, fían no turismo a saída económica milagreira. Destas ocorrencias están cheas as páxinas dos xornais de todo tipo, as tertulias da radio e da televisión e tamén a opinión pública común que pensa que, ao haber peregrinos e viaxeiros en movemento, a economía anda para diante: é dicir, o turismo é unha solución. Mais, en economía, as solucións así inventadas sobre a marcha nunca funcionan, ou, o que é peor, aparentando que son fonte inmediata de renda, son quen de crear máis problemas que solucións.

Hai tres problemas que acompañan indefectibelmente o turismo como corrente de viaxeiros en masa, e sen planificar: aumentan inmediatamente os prezos dos bens de primeira necesidade no mercado local, debido ao crecemento da demanda de alimentos, vivenda, comida fóra da casa e transportes; aumenta a necesidade de importar bens para cubrir esa demanda, provocando consecuentemente desaxustes no mercado local e máis no interior (outra repercusión probábel nos prezos), e, finalmente, é preciso dedicar fondos públicos superiores aos precisos para unha economía sen turistas. Gastos en infraestruturas, en mantemento das mesmas, sanidade, polícia, salvamento... É dicir, hai tal sentimento de débito ao estraño que é frecuente escoitar a diario: houbo que reparar, limpar, arranxar, investir..., para que os turistas estivesen cómodos, nos vexan ben, se atopen a gusto, opinen ben de nós. Así fican ao descoberto os elementos do catálogo completo dos colonizados que consideran superiores os turistas aos propios.

Outra resultante social derivada das hordas de visitantes en masa é a muda das relacións sociais existentes previas á chegada masiva de desprazados. Por exemplo, na calidade dos servizos de bares e restaurantes. Dado que hai países enteiros e tamén comunidades autónomas do Estado que teñen estabelecido cobros aos turistas por uso de instalacións e servizos públicos (taxas por uso de auga, entrada, aeroporto, nos hoteis...), o turismo de ínfima capacidade económica escolle lugares de destino baratos: andan ao barato. En hostalaría e restauración, barato –comparado coa media de prezos do mercado de estabelecementos rendíbeis– quer dicir calidade ínfima en contido dos produtos e, por suposto, en servizos persoais (atención ao público, profisionalidade, trato persoal adecuado...) e, naturalmente apoiado na base dunha superexplotación da man de obra, nomeadamente feminina.

O peor anunciado é esa especie de violencia xerada nesas tensas relacións á marxe da capacidade económica rendíbel: a redución de custos lógrase con persoal contratado en condicións de sobreexplotación, os salarios pagos non se corresponden coa disponibilidade real e a atención ao cliente soporta unha parte correspondente desa cadea de despropósitos.

Comentarios