Opinión

O quid da educación (e II)

DICIAMOS A semana pasada que a solución da má educación reinante non está no ensino regrado. A solución para lograr condutas en sociedade entre seres humanos ben educados non se atopa en incorporar unha materia —ou varias, segundo as opinións— que traten de cada un dos aspectos transversais dunha conduta adecuada desde a perspectiva da harmonía entre seres humanos. A base da boa educación en individuos humanos en construción, é dicer, persoas menores de idade, pasa necesariamente por un aprendizado de situacións de control: de autocontrol e/ou de control imposto. Levando a proposta do aumento de materias ao límite das iniciativas coñecidas atopariámonos con que os nenos de 12 anos deberían engadir, ás 11 materias que conforman o seu curriculum, unhas cantas máis: educación para a igualdade, educación viaria, educación medioambiental, educación nutricional...

Estaríamos falando de 15 materias, que, coas actividades extraescolares ao uso, fan un tempo de escolarización mínimo de 50 horas semanais, ás que habería que engadir os tempos de descanso, de comidas e mais de estudo: total, mellor que se habiliten institutos/internados , que queden alí cos nenos e que sexan nomeados tutores os profesores para así lograr unha socialización e coñecementos con garantías. Unha vez rematado o ensino obrigatorio, xa con todo aprendido, devolveríanllelos aos pais como un material xa con todos os atributos dun ser humano decente: educado e sabido, á vez que correcto no trato diario. Os pais, así, non necesitarían —nunca, nunca —reprender a súa criatura o máis mínimo. Para que non padeza ningún tipo de trauma. Parece como se houbese unha especie de consenso social entre certos educadores (tanto pais como docentes) que participan da idea de que reprimir é un atentado aos dereitos humanos dos nenos.

Nunha sociedade ideal, desde a perspectiva dunha filosofía nihilista, si. Desde que os seres humanos viven en sociedade, fixérono con normas. E desde que estamos civilizados (é dicer, en civitas) hai normas que incorporan castigos no caso de seren violadas. Mesmo nas democracias formais a vida está suxeita a unha serie tan ampla de regras, normas e represións que convén aprendelas pronto, interiorizar o xusto para que non sexa lesivo, nos dereitos humanos persoais, e adquirir habilidades de liberdade de pensamento e acción intelixentes e válidas, socialmente falando tamén.

Os pais que cuestionan as normas pensan que hai que lograr ao custo que for a felicidade do cativo/a; cren que niso consiste o labor dos pais: seren mediadores da felicidade dos nenos. Son do tipo de "cariño, non poñas os pés na mesa, que te vai mirar mal o camareiro". O cal leva implícito que a eles non lles parece mal que o neno poña os pés nunha mesa, que na súa casa as mesas son para poñer os pés, e que delega totalmente nos demais a función de educaren o seu fillo. É o modelo de proxenitor aspirante a premio da irresponsabilidade. O pior da cuestión é que non é un asunto íntimo senón con consecuencias para toda a sociedade.