Opinión

Intermodal e trens (e 2)

DICÍAMOS O luns da semana pasada que o anuncio da construción dunha estación intermodal foi presentado como un logro gobernamental. As opinións entusiastas a respeito dos beneficios derivados dunha construción, sexa do tipo que for, case sempre se fixan no inmediato, no curto prazo, no movemento económico creado arredor dunha obra civil e/ou no aspecto propagandístico da construción vendíbel con fins eleitorais. Mesmo hai quen opina que non é cuestionábel o beneficio neto dunha construción, sexa cal for esta, é dicer, independentemente do que se constrúa.

Desde unha perspectiva económica, non obstante, estamos en condicións de cuestionar o suposto beneficio neto de calquer obra, en función doutras consideracións: necesidade da obra, finalidade da mesma, custos asociados de mantemento, alternativas posíbeis á súa construción… Se ben é normal que nas accións de goberno se tire rédito eleitoral do manexo dos fondos públicos, hai moitas formas de levar a cabo a xestión e, ao mesmo tempo, contribuír de forma certa ao crecemento económico e á mellora da vida social ou benestar.

A necesidade dunha obra require situala nun plan integrado de uso dos fondos públicos para unha necesidade determinada. En Lugo hai necesidade de transporte de persoas e mercadorías por vía férrea, tanto no interior do espazo económico delimitado polos núcleos económicos máis próximos e mais os lonxincuos, destino final de mercadorías e de persoas. Lugo só se pode comunicar vía férrea con A Coruña-Ferrol e con Monforte, e, a partir de aí, cos enlaces deses dous nós ferroviarios. Logo de ter cuberta a necesidade de transporte, aparece a de infraestruturas de albergue, de mercadorías e persoas, adecuada aos tempos actuais. Comezar pola intermodal antes de gozar de servizos de transporte adecuados é como comprar a garaxe antes do automóbel. Se preciso un turismo para me desprazar e teño un orzamento limitado, mercarei primeiro o tal vehículo e logo xa solucionarei onde se estaciona. Á parte desta primeira consideración –necesidade inmediata– consideramos a finalidade: é posíbel cumprir co mesmo destino doutro xeito, poñamos por caso, en lugar de intermodal, só modo estación de ferrocarril, e seguir coa de autobuses tal e como está –ou un pouquiño máis acolledora– adiando o proxecto de intermodal e os seus fondos para un destino máis acaído.

Os fondos, cómpre dicelo, non caen do ceo, non son un donativo, aínda que se empregue ese modismo de "veñen de Europa"; son fondos disponíbeis para usar co criterio de racionalidade económica mellor posíbel, xa que son utilizábeis alternativamente en usos con distinta finalidade e retorno, tanto económico como social, mesmo xeradores dun beneficio económico capilarizado socialmente. É moito maior o beneficio económico e medioambiental derivado de reducir o tránsito urbano de vehículos utilitarios a cambio de transporte público sostíbel que o derivado de construír unha estación intermodal. Certo é que os intereses económicos asociados á influencia das grandes empresas construtoras, que viven da obra pública, é incomparabelmente maior que a capacidade de presión e de expresión dos cidadáns de a pé, no sentido literal do termo, así como dos partidarios dun transporte público moderno.

Comentarios