Opinión

Igualdade entre desiguais

A lei española denominada Lei de cambio climático sairá aprobada sen modificar o polémico artigo 18.4 que afecta medularmente á industria pesqueira galega: primeira industria galega e primer sector pesqueiro europeo medido no seu conxunto: pesca extractiva, acuicultura, marisqueo, conserva, conxelados, alimentos procedentes da pesca novos... e todo o complexo industrial asociado, ben permeabilizado no conxunto da economía galega. O malo das necesidades de lexislar para cumprir prazos con certo retraso é que non hai tempo, nen parece que vontade, para consensos, acordos e matices: nen co sector implicado nen con outros representantes políticos.

Para salvagardar a costa dos posíbeis efeitos futuros do cambio climático, entre eles o cambio da liña de costa, lexíslase á brava ditando normas que tratan igual —rasando— aos desiguais. Este gran defeito da norma que leva camiño de ser aprobada no Senado, trata as costas galegas da mesma maneira que a costa mediterránea, illas incluídas, da mesma maneira que a costa sur atlántica e, en fin, da mesma que as costas canarias. Non hai dúbida nengunha de que o complexo mar-industria é a primeira industria galega. Parte desa industria precisa por razóns técnicas ineludíbeis permanecer nas instalacións actuais na costa porque usa auga do mar, dese mar que só hai nas costas galegas tanto nas rías como na mar oceana. As rías galegas, a nosa liña de costa, é única no Atlántico Norte, e no PSOE e no PP de Madrid ignórano. Tamén os autodenominados progresistas o ignoran porque confunden todo: non é igual a costa mediterránea ornada de cemento en liña de praia, ou unha refinaría ou unha central nuclear no mesmo mar, que unha depuradora de mariscos (unha de algunhas) en mil quilómetros de costa (a galega).

As construcións fabrís e de servizos asociados á industria pesqueira que hai na costa galega non poden, por razóns técnicas obvias, instalarse terra adentro, salvo que á mantenta se queira eliminar de golpe un elemento decisivo no seu poder competitivo: a depuración e estabulación na auga oceánica atlántica dos mariscos. Só existe nas costas galegas unha auga mariña con esas características, e o marisco aquí depurado —ou ben estabulado— antes da venda a consumo en auga oceánica é exclusivo da industria galega. Por mar chega o recurso importado que con transformación industrial sae do mercado galego cara á exportación. A transformación que se realiza nas instalacións que usan auga oceánica directa non se pode realizar terra adentro, salvo que o Goberno Central dispoña dunha partida orzamentaria para asumir os custos empresariais (e de infraestutura pública) de traslado de todas actividades da industria pesqueira que tecnicamente precisan se situar na costa.

Que partida económica de cumprimento polos custos asociados ten esta lei? Realizouse o preciso estudo de impacto económico da suspensión/desaparición das actividades que non poden ser realizadas na mesma situación física actual? Ocupouse alguén no Ministerio de coñecer o monto deses custos empresariais, económicos xerais galegos e máis sociais medidos en perda de empregos? As leis nacidas sen estas componentes son inxustas, como se advirte no Parlamento Europeo cando se trata de calidade lexislativa.

Comentarios