Opinión

Fondos europeos de reconstrución

DESDE A proposta e aprobación da disponibilidade de fondos comunitarios especiais para combatir os desastres económicos consecuencia da pandemia (en concreto os da Next Generation EU: 750.000 millóns de euros, nunca tal visto) até este momento, pasaron case catro meses.

A relevancia económica dos efectos do cese de actividade normal son tan evidentes, teñen xa xerado tantas carencias, que non é posíbel que poida haber algún responsábel da política económica deste país que non estea seriamente ocupado en remediar o desastre.

O baleirado de músculo económico, a sangría de emprego con máis paro, a incapacidade de atraer emigrados de todas as cualificacións posíbeis, a ausencia de emprego público masivo... constitúen probas á inversa (no contratipo da imaxe desexada) do que debería ser. Lembremos como se publicitou 4 veces que se ampliaba a contratación no Sergas, pois ben: a día de hoxe aínda non coñecemos as cifras deste novo emprego. Anunciáronse —con demostración a contrario de CIG-Ensino— novas prazas no ensino público, despois de suprimir a celebración de oposicións este ano. As residencias de anciáns e non válidos seguen estando na diana dos novos contaxios: que se cambiou? Abriron antes os estabelecementos para turistas que os centros de día... En fin, parece ser que o aprendido no tempo do duro confinamento non valeu. As cabezas pensantes e responsábeis estiveron confinadas consigo mesmas analizando as eleicións e o seu resultado.

Cumpría ter feito un proxecto de país. Un proxecto para as necesidades de Galiza no presente e coa base deseñada para servir de crecemento sostido no futuro inmediato. Cumpriría pensar e traballar para o país e non para amigos interesados —grandes directores de EMN— titulares de capital estranxeiro, con intereses de compañía pero non de país.É sabido que os investimentos colaborativos co capital estranxeiro, ao seguir a súa propia senda, cautivan fondos presentes e futuros: o seu desenvolvemento xera unhas necesidades económicas con dinámica propia que fai inviábel o uso alternativo de fondos futuros.

Hai un aspecto tamén criticábel: a día de hoxe, tarde xa, coñecemos por un documento de prensa do Goberno da Xunta a referencia aos proxectos presentados ao Goberno do Estado. Sen saber cales son, porque non se di, si podemos rexeitar a forma de presentación e polo tanto procedimento de actuación. 108 proxectos candidatos non sabemos de quen, nen para qué, son lanzados a ser xulgados polo Goberno central para competir, non como proxectos de Galiza. En Lugo hai necesidades de infraestrutura tan evidentes como a xa tan requerida liña e servizo ferroviarios Lugo-Santiago (en realidade Curtis-Lugo), liña ferroviaria Lugo-A Mariña e dotación de servizo ferroviario, comunicación ferroviaria do século XXI entre Lugo e Ourense ou completar a rede de internet con elementos ópticos nomeadamente no medio rural, hoxe indispensábel.

Eses investimentos non son dos misteriosos 108 que presentou a Xunta, non son ningún dos do tractor amarelo que tamén presentou en sociedade, mesmo semella unha listaxe de peticións de hai máis dun século, mais infelizmente aínda no portafolio de imposíbeis do investimento público.

Comentarios