Opinión

Festas en pandemia

É sabido comunmente que todo se pode relativizar. Mesmo haberá agoireiros dos de turno de día que argumenten que co que está pasando en La Palma non é dixeríbel que haxa alguén lembrando o San Froilán. Igualmente haberá uns outros -menos augafestas- que argumenten que, polo feito de nos pasar sen festas, o volcán non se vai conmover nada, nen vai parar de botar lava como un poseso. Agora ben, as festas do San Froilán non quedaron ‘gafadas’ polo volcán, senón por unha serie de circunstancias penosas, todas elas removíbeis, que dan conta da ‘cintura’ política de quen ten a misión de organizalas e mesmamente de quen ten a capacidade de removelas. A uns e a outros dámoslles desde aquí a nosa noraboa, así como o recoñecemento universal de boa fe e bon acerto.

O Concello de Lugo, agora neste século, é o organismo responsábel da organización das festas aínda chamadas patronais, e teñen medo ás consecuencias dunha festa masiva. De aí, para cobrir o medo, o mellor é non facer nada: nen polbo nen barracas. Ben sabe calquer lucense que, sen eses dous elementos, non hai San Froilán. É como se en Sevilla suprimen os touros ou as procisións. En Valencia as Fallas ou no Festival de cine de Donostia o cinema.

Logo, con ese medo, efectivamente, é mellor non facer nada para evitar as masas, mais tamén tería sido mellor anuncialo con valentía: con estas normas (porque parecen ambiguas, porque non meden as consecuencias, porque non están referidas a unha festa deste tipo, polo que for), o Concello de Lugo decideu non facerse cargo de facer festas no San Froilán. E outro ano será. Na actitude vital de comprender todo, é díficil, non obstante e por comparación, observar como se celebran todo tipo de actos públicos ao ar libre e en locais pechados nos que o control é complicado nuns casos e inexistente noutros. Por exemplo, nos avións e nos transportes públicos terrestres viáxase con normalidade (con máscara) e non foron suprimidos. Agora cambiaron normas para presenciar eventos deportivos con público asistente que podemos chamar numeroso.

Outra novidade é a apertura dos locais denominados de ocio nocturno, mesmo en interiores. Celébranse, e celebráronse, festas e feiras todas as semanas e non por iso houbo concellos que respondesen da extensión dos contaxios. E non estabamos agardando a unha ampla porcentaxe da poboación vacinada para ir cara á vida normal (con máscara)? Que pode ter de especial a festa lucense para facer cundir o pánico? En outubro deste ano danse as condicións sanitarias mellores desde hai dous anos para celebrar unhas festas populares semellantes ás tradicionais.

Volvendo ao principio, algúns pensan: e non haberá bastantes problemas de todo tipo para se fixar nunha celebración abortada? Efectivamente, a vida en sociedade é rica e complexa: uns cidadáns están en perigo de exclusión social e, no outro extremo, outros na sobreabundancia consomen desaforadamente e sen nunca atoparen satisfacción, mais hai algo na festa, na música, no baile, nas barracas, nos Pelúdez e no polbo que pode facer viver por momentos unha ilusión de vida mellor.

Comentarios