Opinión

Enfermeiro saturado e liberdade de expresión

DESPOIS DA ditadura, entre as liberdades que considerabamos de primeira orde estaba a liberdade de expresión. Pasados uns anos, comprobamos tristemente que hai presos por uso da súa liberdade de expresión (é dicer, usar a palabra para manifestar desapego, bulra, sátira ou escarnio de símbolos, non de persoas); comprobamos que a liberdade de réplica persoal por falsidades publicadas en prensa ou noutros medios de comunicación é moi reducida e suxeita ás artes de interpretación ‘fusileira’ de normas; verificamos que non hai dereito válido para os ataques á honra e dignidade persoal cometidos nas chamadas redes sociais: profisionais públicos que son denigrados, obxecto de desprezo, maledicencia e aldraxe, e non dan parado, evitado ou reposto o seu dereito á propria imaxe e dignidade.

Comprobamos que hai tamén un acceso controlado aos medios públicos e privados de difusión, por razóns económicas e de dirección do negocio, que se acollen a unha liña de publicación baseada na liberdade de empresa e negocio e non nos dereitos dos grupos sociais sen voz -nesas empresas- a se daren a coñecer (este aspecto obedece á lóxica do negocio, mais non á lóxica social do comunicador). Coñecemos como a extensa rede da política cultural subvencionadora en interese dos partidos políticos controla os fondos públicos en función deses intereses partidarios, de modo e maneira que hoxe o poder non paga nunca nada equivalente aos bufóns do rei, só aos turiferarios do Rei. E só ocasionalmente, en arte singular, atopamos valentemente (en comparación coa conduta ordinaria) contribuír á produción de obras do presente, sumamente críticas co poder estabelecido; tamén é certo que só pasa con gobernos na esfera da esquerda ou do nacionalismo catalán e basco.

Por todas estas razóns, que asimilamos a indicios do devir social, nesta democracia, en principio homologada en Europa, non tivo moita respercusión a sanción administrativa a Héctor Castiñeira, enfermeiro nado en Lugo e que tivo a ben converter a súa experiencia persoal en crónica dunhas condicións de traballo inestábeis, duras e desequilibradoras do que poderíamos considerar dignidade laboral e saúde no traballo. Mentres a súa capacidade de narrar estivo tinxida de humor, participou como colaborador en medios de comunicación públicos e privados, cumprindo un rol de divulgador de prácticas saudábeis necesarias.

Mesmo en plena pandemia as súas contribucións (por exemplo, na RG) caracterizáronse por alentar serenidade e calma en tempos tan difíceis: isto é, de acordo co seu rol profisional fixo de compañía cualificada dos ouvintes, encerrados á forza na casa. E chega o día en que a ‘enfermeira saturada’ se satura, non do contido do traballo senón das condicións ultraprecarias en que ve desenvolvida a súa vida laboral, e comete o erro, exercendo a súa liberdade de expresión para dicer a verdade, de dar a coñecer nunha emisora estatal de TV o fartádego de enganchar un contrato de días tras outro, sen máis perspectiva que seguir así eternamente. Resposta inmediata: sanción do Sergas por dicer a verdade. Bravo, bravo, bravo, así chegaremos ben avante!!! (tampouco volvemos escoitalo como colaborador da RG). A miña solidariedade desde este recuncho lucense.

Comentarios