Opinión

Educación xeral básica

A OCDE orienta aos membros que lle fagan caso a introducir unha materia de finanzas no ensino básico.

Case todo o mundo sabe cales deben ser os coñecementos que constitúan os contidos elementais e básicos. Dicemos case todo o mundo  a mantenta, xa que temos  constatado que os responsábeis  gobernamentais do ministerio e consellarías o ignoran.

A denominación de educación xeral e básica foi entendida como aplicación dunha lei que obrigou ao Estado a proporcionar de maneira universal e obrigatoria ensino a todos os cidadáns. Foi a universalización dun dereito ao ensino que noutras sociedades xa estaba implementado  había moitos anos. No Estado español pasamos nos últimos 50 anos duns índices de analfabetismo terceiromundistas (ou piores, xa que eran superiores aos de países sudamericanos, excolonias españolas) a contar cun número de iletrados ínfimo. O éxito esgrimido polos ministerios e consellarías ao cargo baséase na cantidade de materias e de contidos das mesmas. Como é posíbel que se exhiba como proba de éxito impartir 11 materias obrigatorias distintas? Como se xestiona, sen se converter en ‘pasota’ ou en domado, unha vida de 14 horas de traballo educativo aos 8, 9 ou 14 anos?

Como se entende que estea escrito  -e aprobado polo ministerio correspondente-  que unha criatura de 7 anos deberá aprender que hai insectos beneficiosos e prexudiciais? Isto non ficou na noite dos tempos? Para confirmar a confianza no autor do mal chamado libro, no gravado dun choco dáselle o nome de polbo; ha ser que en español confúndense.

Como é posíbel que se exhiba como proba de éxito impartir 11 materias obrigatorias distintas?

O avance é tan impresionante que é case imposíbel, nas relacións comerciais elementais, que saiban facer os cálculos aritméticos básicos (sen uso de máquina) e é tamén excepcional que unha redacción de descrición dun feito vivido sexa lexíbel. É que hai que estudar 15 anos para saber contar mentalmente e saber describir un acontecemento da vida diaria? Cantos anos precisa estudar un profesor? Poñamos un mínimo de 30 (dobre de 15). E para ser cirurxá, piloto/a, capitán ou oficiala de buque petroleiro (100.000 toneladas de cru, por exemplo)ou nai de naipelos? Sería imposíbel outorgar licenza para exercer calquera desas profesións, só a base de anos e materias. Xa non digamos para ser directora-presidenta de banco internacional. Segundo o cómputo de materias, á sra. Botín faltaríalle unha volta no currículo. Por isto, sospeitamos que o éxito da escolarización e do conseguinte aprendizado, non reside na cantidade de materias, deberes e horas de aburrición adicadas á escola, coa repetición de coñecementos inúteis, senón no logro de certas habilidades, poucas,  pero certamente capacitantes. Por exemplo, saber ler e escreber e contar mentalmente. Queremos dicer: ler entendendo o lido, saber interpretalo e, polo tanto, adquirir mediante a leitura un coñecemento crítico do lido. Tamén redixir con palabras propias e outras prestadas as cuestións elementais da vida, incluída unha carta á Axencia Tributaria para discrepar da súa interpretación da lei. Mesmo, saber facer mentalmente os cálculos de descontos en porcentaxes, ou do prezo de catro cafés sabendo o de un. Falaremos das finanzas e da OCDE o próximo día.

Comentarios