Opinión

E o tren de Lugo?

Hai que ter coidado cos titulares, porque, dependendo do punto de saída —é dicer, do/a responsábel humano do seu contido— varían moito, e poden levar a engano a inocentes cidadáns. Así, por exemplo, pódese afirmar que este ano «os orzamentos do Estado apostan por Lugo» (subdelegada do Goberno). E, ao mesmo tempo, deixar de manifesto que as partidas non executadas repítense, polo que a inclusión anovada é proba dun fracaso. De quen depende que non se levaran a cabo as previsións orzamentarias consignadas para o ano 2022, sería interesante que alguén presente nas institucións atinxidas dese cumprida resposta.

O certo e constatado é que a partida consignada o ano en que estamos, para a intermodal non se executou, e por tanto repítese, dando a aparencia de nova cando en todo caso é mostra verdadeira dun desleixo. As partidas orzamentarias previstas para o ano 2023 de infraestruturas viarias non poden ser atribuídas en nengún caso para o tren de Lugo: non hai nen se espera. Hai algo para a provincia de mellora da comunicación entre Monforte de Lemos e Ourense, favorábel ás necesidades desa provincia e da mellora da comunicación ferroviaria polo sur galego. No tema estradas e autovías, a partida para unha das partes da A-54 é tamén un asunto de escarnio (por agora só; é de maldicer pola nosa parte). Cantos anos hai que comezou a autovía Lugo-Santiago? Cantos máis faltan para que remate? Canto tempo dura nesta sociedade, aquí na Galiza, construír unha vía de comunicación que noutras remata en meses? Se as obras do metro de Madrid tivesen no pasado a mesma parsimonía que as autovías de Lugo, poderían telas amosado no museo dos horrores. E, de novo, de quen é a responsabilidade? De quen non executa ou de quen (concellos de Lugo e mais a Deputación) non apreman ao responsábel directo para lograr a súa execución? Imos darlle a volta aos argumentos de lamento e petición. Se é necesaria a obra, se ten arrastre social e económico no seu papel de vía de comunicación, non vale de nada se lamentar da inacción do goberno cando as institucións provinciais son responsábeis por omisión da súa completude. 

Recentemente, teñen aparecido manifestacións públicas denunciando a ausencia do tren. Imos comezar dicendo que benvidas sexan, sobre todo se non están imbuídas dun espírito eleitoral próximo, xa que o ambiente de precampaña municipal está impregnando unha serie de actos públicos moi rechamantes. Enteirámonos, por exemplo, da visita da Secretaria de Estado de Transportes, Movilidad e Agenda  Urbana, lucense ben estimada, para anunciar que Adif vai ter en conta nos próximos proxectos do Ministerio a mellora para Lugo do transporte de mercadorías (sobreenténdese por vía férrea). Como para Lugo non había nada, segundo declarou á súa chegada con cargo institucional ao Ministerio, é natural esperar agora que non se poidan cobrir dunha soia vez as necesidades acumuladas durante décadas. Tamén é esperábel que da sintonía partidaria (PSOE) do goberno municipal de Lugo co goberno provincial e do Ministerio se poida derivar algo máis que desexos envoltos en bon ton propagandístico.

Comentarios