Opinión

Cuestión de sinais en exceso

TODO EMPEZOU cunha multa de tráfico, si, desas en que, ao pouco de cometeres a infracción, aparece un coche oficial da Garda Civil de Tráfico, manda parar e anuncian a penosa nova de que cometeches unha infración castigada con "xis euros"(bastantes) e, ademais, deberás tamén soportar unha perda doutros "xis" pontos, que figurarán no teu expediente como condutora, até que pase un tempo legal e sexan repostos. 

A situación da comunicación de dita multa non estivo exenta de certa comicidade. Semellaba que era eu —a infractora— a que estaba en condicións de asumir a situación sen facer o máis mínimo sinal de preocupación ou intento de explicación. Era certo: ía a máis velocidade da permitida e non tiña arranxo posíbel. Non obstante, o axente, para lle quitar ferro a situación —creo que lle daba algo de apuro—, díxome: claro, vostede non é de aquí e non sabe que os de aquí xa coñecen o ponto quilométrico ese (protagonista da situación recadadora). Pediume o número do DI e con el xa soubo os datos referidos ao meu historial como condutora, que, até ese momento, figuraba limpo. Dixo cal era a diferenza entre a velocidade permitida e a miña, ao paso polo radar, e como era moi importante non quedaba outra que apandar coa multa e a retirada de pontos. 

Así foi. O que sucedeu é que, a partir dese día, e viaxando polas estradas galegas, que non son autovías nen autoestradas, fun observando o que podíamos chamar unha hipertrofia de sinais, e deume por razoar que os humanos somos inmunes ao exceso de avisos sobre un feito, e moito máis cando se trata de ler e se enteirar a certa marcha —mesmo a 50km/por hora—, non damos asimilado ese exceso de información. 

E aí está o quid da cuestión: por que digo que é un exceso? Pois nada máis que por aproximación intuitiva. Se despois de 70 quilometros conducindo por unha estrada das que empezan por N- na súa denominación, levas lido ou simplesmente visto centos de sinais, chega un momento en que, como mecanismo de sobrevivencia, xa non fas caso a nengún e oriéntaste polo sentido da marcha prudente que levas anos observando. Son excesivos porque saturan o sentido posíbel da atención e, ao seren en certa medida prescindíbeis, porque non informan, senón que anuncian evidencias, acaban colaborando a que obvies os que si son importantes, polo menos no que respeita ao feito recadatorio. 

Hai algúns condutores que pensan coma min: por que nunha estrada hai limite de 50 km/hora e noutra —que para os leigos é igual— o límite é 70? Por que despois de pasar por diante dun limite de 50 (mesmo co control de velocidade automático activado) esperas polo sinal de remate e nunca aparece? Por que os limites de 50 rematan cun sinal de eliminación da prohibición 80 km/h? Por que hai sinais de prohibición de marcha a máis de 50, despois un de 70, logo un de 80 e, finalmente, unhas veces nada, outras un sinal de prohibido a máis de 90, ou mesmo unde remate da prohibición de 80? (Continuará).

Comentarios