Opinión

A bici e as necesidades dos lucenses

E QUEN DI dos lucenses, pode facelo extensivo aos galegos, pero Lugo en concreto ten unha estrutura demográfica notabelmente extremosa polo que, no presente, as necesidades a cobrir deberían ser acordes coas características vitais da maior parte da poboación. Por certo, considerar a poboación no presente non debera consentir que sexa abandonada a perspectiva de futuro, é dicer, pensar no que cómpre facer para que medre a poboación e que non se siga xerando emigrantes.

A poboación lucense actual, referíndonos ao concello de Lugo, onde se asenta a maior cidade da provincia, e a cuarta maior de Galiza, conta segundo datos oficiais con 98.519 habitantes: casi 22.000 teñen máis de 65 anos e só 12.865 son nenos menores de 14 anos. Diríamos que a representación gráfica da pirámide poboacional de Lugo é unha pirámide invertida; e isto non debe querer dicer nada máis que iso, que a realidade da poboación actual é como é, e non vale de nada desexar o que nos gostaría que fose. Ese tipo de desexos a curto prazo son frustrantes e invitan á melancolia, o que en accións de política económica —como é o caso da política demográfica— non valen para nada. A política demográfica por si mesma non alcanza resultado algún se non vai inserida nunha política económica que garanta a creación de emprego cualitativamente robusto: emprego industrial, emprego estábel e con pulo forte para xerar arrastre de crecemento noutros sectores. Só atacando a causa do desánimo social nun ambiente sen proxecto de futuro se poden atacar as raíces do problema demográfico. Aínda así, como en economía, e na sociedade en xeral, os procesos son moito máis complexos do que a simples vista semellan, pode suceder que os resultados non sexan observábeis de forma inmediata.

O que si parece ter pouco futuro para a vida diaria, vida urbana dos lucenses idosos, é a proliferación do carril bici, xa que as bicis non van eclosionar como fungos en outono. Considerando que o uso das bicis en Lugo non ten a mesma base histórico/cultural que en Países Baixos; considerando que a política de difusión do transporte en turismo individual constituíu nas últimas catro décadas a base da política de transporte de persoas máis promocionado, arraigado, subvencionado e usado. Considerando que os hábitos no modo de relación social aquí e agora, e podemos dicer que en boa parte das cidades do Estado, non son maioritariamente proclives ao uso da bicicleta para o transporte diario de persoas..., parécenos unha actuación de moi boa vontade —pero inútil— a aposta do concello pola promoción do uso da bicicleta para cumprir a función de transportar persoas e mercadorías de pequena dimensión.

Primeiro se diseñou unha rede de vías adecuadas e destinadas (erroneamente tamén) para os vehículos de motor, mesmo para aqueles que se venderon como se as cidades fosen circuítos de carreiras. Logo, fíxose un investimento de enorme magnitude en novas vías periféricas, estas si adecuadas á velocidade dos turismos máis potentes e, finalmente, sen aparecer un transporte público adecuado, pasamos ás bicis para vellos!!!

Comentarios