Opinión

A boa alimentación (e III)

DICíAMOS a semana pasada que non é só un ben social ter boa saúde, senón que o método de conseguila, contando cunha boa alimentación, é en si mesmo un logro social. Queda pendente o exame das condicións para que a boa alimentación sexa desfrutada pola maior parte da poboación. A medicina naceu como relación entre dous seres humanos: individuo a individuo: o que cura e o doente. A medicina que se practica na actualidade, aínda que teña como referente a relación individual, nace e aséntase nunha organización complexa que é a sanidade como servizo público. A atención a unha persoa necesitada por enfermidade está por riba e por fóra de tal ou cal médica/o. Se a atención require un centro hospitalario, a organización dos centros públicos de sanidade garante diagnóstico, tratamento, atención e coidado. En cambio, análise individual, diagnóstico individual e tratamento individual non casan co enfoque colectivo cara a un movemento social de busca da saúde polo lado da prevención. Prevenir é un labor para ser exercido no ámbito de toda a sociedade. Tomemos como caso ilustrativo o do tabaco: sabido é o nocivo do hábito de fumar. Sabido pola ciencia médica hai moitísimos anos. Coñecida a súa relación directa con enfermidades mortais de necesidade… e, non obstante, até que se lexislou a prohibición de fumar, non houbo un cambio social, traducido nun cambio en saúde moi notábel. A intervención política lexislando novas condicións de saúde pode ir máis alá, pero tamén debe ser considerado un consenso social acerca do grado de responsabilidade persoal que é esixíbel, nestas alturas da civilización. Así, por exemplo, é opinábel que un/unha fumador(a) empedernido(a) que pon por diante da evidencia médica o seu querer facer a santa vontade, tamén pode asumir que non hai cartos públicos para pagar a súa santa vontade: que se cure só-soa. Mesmo pode ser opinábel que se podería ir prohibindo o cultivo, elaboración e venda dun produto canceríxeno como é o tabaco: con poñelo na caixa non chega. En fin, a marxe de manobra que no caso do tabaco existe aínda é bastante ampla, pero non hai hoxe lugar a dúbidas da mellora en saúde xeral que supuxo a prohibición. En cambio, no caso da alimentación dáse unha imposibilidade de facto tanto do médico como do paciente de controlar as condicións de produción dos alimentos. A boa alimentación pode querer dicer alimentación para persoas de moi alta renda ou de moi elevados coñecementos a respeito da natureza dos alimentos. A chamada comida real sen procesar é só accesíbel hoxe en día a un segmento social privilexiado, ben sexa por consciencia e coñecementos ou por poder pagar a alguén que compre materias primas de calidade coñecida e sexa quen de cociñalas sen as estragar. A industria de alimentos que procesa materias primas que antes eran a base da comida fai engádegas, precisa conservar, aproveitar a materia prima, abaratar os procesos de produción vexetal e animal que modifican a comida. Pódese dicer: non fume, non se pode dicer: coma san, sen antes cambiar a industria alimentaria