Opinión

Tempos de andar

O TEMPO pasa voando. Pasa e déixanos expectantes, soñando, pensando, observando e repensando o que xa non é, o que foi e o que non permanece máis que na memoria. Esa memoria da que tanto se fala e que serve para tantas escusas, para tantos pretextos, para nada ou para case nada. A veces a memoria acentúa ao mal, afonda no discrepante, intensifica a ruindade, molesta e aborrece. Pero é como a realidade mesma, como esa realidade que aprecias e da que discrepas seguido. O tempo pasa e hai que deixalo pasar, como se fose un cabalo desbocado galopando no horizonte.

En todo, pasa o tempo voando e sen ver, pousada ou aquelada, aquela outra rota pola que pretendías arrimarte á meta. Á meta ou á metade do recorrido entre o arranque e o remate. Xornalistas deste país noso andan reafirmando o que foi o Xacobeo de 1993 para, sen perder a memoria, recrealo e darlle valor e mérito de cara ao Xacobe 21. Este labor agrúpaos nunha veterana asociación de voluntarios, que poderíamos asegurar que se trata de voluntarios en acción ou, incluso, en acción permanente.

En todo, pasa o tempo voando e sen ver, pousada ou aquelada, aquela outra rota pola que pretendías arrimarte á meta

APECSA é o nome abreviado da Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago, á que pertencen e pertencemos moitos dos que queremos que o Camiño siga sendo símbolo de progreso e, cada vez máis, patrimonio de todos. Para non esquecelo, esta Asociación puxo en marcha un programa enteiro denominado Días de Andar, co obxecto de desenvolver as Camiñadas dos XXV anos do Xacobeo 93 e do Camiño de Santiago como Patrimonio Mundial. Os actos comezaron en Seixalbo de Ourense, despois tocoulle a Valença do Miño e a Tui, para andar polos camiños e volver sosegadamente, volver tranquilamente á casa. Xa foi tamén en Lugo e así seguimos tirando do carro e da carreta.

Pasar por Sarria e Barbadelo, Paradela e Portomarín, lembrar as vilas e cidades do Camiño Francés, facer alto onde proceda, beber, comer, falar e seguir. Seguir as Camiñadas polo Barco de Valdeorras, polo Camiño que vén das minas das Médulas, pola Rúa e pola Ribeira Sacra, polo Alto do Faro e Rodeiro arrodeando ata Lalín. De aquí a Santiago de Compostela e de Compostela a Fisterra. Outro día tocaralle á Coruña, para volver velo mar e, sen deixar de andar, recordala idea de que "Europa fraguouse peregrinando a esta terra".

Comentarios