Opinión

Tempo de castañas

Na castaña, segundo os técnicos, abundan os hidratos de carbono, almidón, sacarosa e fibras solubles. Teñen un baixo contido de proteínas, pero -ao parecer- de moi boa calidade 

Aló vai o verán e xa andamos polo outono outeando, da vendima, para o souto a apañar as castañas, deambulando por entre as follas que se arrastran, que caeron e caen antes de que chegue o inverno e a matanza dos porcos cebados. Precisamente as castañas axudan a que a ceba sexa boa. E, unha boa ceba, antes máis que agora, era un inequívoco sinal de riqueza e de fartura, para a veciñanza e para o cura da parroquia, aquel don Xenaro ao que lle tocaba o mellor entrecosto de cada matanza, uns cantos quilos de carne de costelar coa costela, para asar, para guisar, para fritir, para cocer ou, se era o caso, para salgar e gardar.

Mentres o viño fermenta e se fai na bodega os soutos dan que facer. Hai que recoller as castañas, asalas para probalas, e preparalas para distribuílas a medio mundo, como fai Alibós de Monterroso, que as pela, que as conxela e que as manda para Xapón, para China, Reino Unido, Bélxica, Suíza, Francia ou outros países onde queren comer ben. Na castaña, segundo os técnicos, abundan os hidratos de carbono, almidón, sacarosa e fibras solubles. Teñen un baixo contido de proteínas, pero —ao parecer— de moi boa calidade. Son, as castañas galegas, un magnífico produto para aqueles que queren comida sa.

Outubro, novembro e decembro son meses que marcan o tempo da recolleita e da preparación das castañas, para que teñan bo sabor e boa presenza, con textura e cor. Vostede lembra como se amoreaban as castañas nas ouriceiras? Da ouriceira ían para o canizo, a secar co fume e o calor da lareira, e despois pasaban polo proceso de pisado. Dous homes agarraban un saco con castañas e golpeábanas contra un pau ata que soltaban a casca seca. Xa ben limpas, aquelas castañas facían un caldo negro e moi saboroso ou comíanse, polo inverno adiante, con chourizos, con touciño ou con soá, se quedara do que levara o cura.

Agora son outros tempos e, como di a Tía Manuela, "aqueles de tanta escaseza, de tanta carencia e tanta penuria, que vaian e non volvan". Os soutos son patrimonio cultural a preservar e hai que defendelos como á memoria. E, a pisa das castañas é unha festa, para ensinarlle á mocidade a alegría da xente que pisaba, que apañaba e que comía castañas, en tódalas comidas de tódolos días, con viño novo ou con auga da fonte fría.

Comentarios