Opinión

Peor é a fame

ESTIVERON NAQUELA aldea pequeniña, na que só queda un par de casas en pé e só unha con fume, acenderon o lume, precisamente, para velo. Quentaron a auga ata que ferveu e mataron o porco. Mellor dito, cinco porcos enormes e dous deles, tamén enormes, dos famosos porcos celtas, negros, langráns e de carne graxenta e saborosa. Recordaban as matanzas de sempre, das casas rurais galegas de sempre. Nesta ocasión, con menos xente, menos xente para traballar e moita menos para comer. Era unha evidencia do drama que vivimos en Galicia, onde quedamos sen xente, sen parentes, sen maiores e sen mocidade que loite e que traballe pola prosperidade da terra, desa terra queimada, na que nace e medra a miseria, a absoluta miseria abonada coa acción da insensatez.

Preparar a matanza é cousa de días, de traballo continuado e esforzo constante. Un dos días da máis actividade é o dos chourizos. Xa preparada a zorza, co seu correspondente adobío, hai que encher as tripas, atar os chourizos e colgalos a secar. Estes son de alta calidade, chourizos da casa, do país, con máis ou menos picante e sempre de carne boa de porcos bos, tanto que sexan ibéricos, celtas ou normandos, coidados e cebados con castañas e landras, con verzas rizadas e remolacha da agra xabreira.

Ou aínda que sexan do porco do crego ou dun rancho calquera, xa que, como di o refrán, antes cedo que tarde, "a todo porco lle chega o seu San Martiño". Cando será o Santos dos badulaques, dos chanfainas que saen da chourizada? Chourizos de casta suprema en Andalucía, en Valencia, nas Baleares, polo Norte, na casa dos Pujol, na do demo, polo Suroeste e na mesma casa de Deus. Chourizos e sobrasada, butifarra, embutido con asadura, choulán, chofre e chourela. Na casa do pobre, chourela, fame e chanfaina. Noutras casas, chourizo de sábado limpo, fame e chanfaina. Pero, xa que estamos neste período de matanzas, cómpre lembrar que, segundo o informe Perspectivas Alimentarias da División de Comercio e Mercados da FAO, presentado no pasado mes de xullo, o consumo humano de carne das catro categorías principais vai en aumento e xa supera anualmente os trescentos millóns de toneladas. A de ave de curral e a de porco ocupan os primeiros lugares e, despois, a carne de bovino e de ovino. Peor é a fame!

Comentarios