Opinión

O nome do virus

Ás veces parece que nos sitúan, a peito descuberto, diante da valentía da ignorancia

OS EXPERTOS recoñecen, coñecen e estudan diversas variantes do covid- 19 e a cidadanía auméntaas, como fixo un destes días aquela señora que viña do salón de beleza recén peiteada, e ao parecer, sen bisoñé. Estiveran falando, escoitando e aprendendo, dándolle voltas á lingua e ás ideas confusas que posuían. As profesionais do salón e as clientas do mesmo salón eran mulleres interesadas polo cambio do mundo nalgúns aspectos. Noutros non, noutros casos defendían a continuidade, como un mal menor.

Coñecían e opinaban das variantes do virus que danza continuamente entre os nosos e os outros. Opinaban das mutacións, dos cambios no xenoma do virus e das súas transformacións; daban a entender que eran expertas e coñecedoras dos distintos grupos de virus e das súas características. Unha daquelas, probablemente das máis expertas, dixo con voz grave de muller faladora, que a enfermidade do covid, como as outras víricas, "evoluciona sen parar, atendendo aos cambios que se producen no código xenético". Aí queda iso, para a ciencia e para historia!

Rosa, unha das máis caladas, pero tamén con aparencia e estilo de ilustrada, mandou parar e esixiu escoitar. Amigas! Falo pola experiencia acumulada ao longo destes enormes meses, "non teñades medo, todo está controlado polas autoridades sanitarias e pola Xunta de Galicia". Non teñades medo —dixo—, "a variante do covid-19 que anda nesta volta, a macron, é moi suave, non fai nada, é un catarro lixeiro".

—A macron? —Si, si, esa que descubriron recentemente e con infeccións moito máis leves que as producidas polas outras variantes que se coñecen. Ás veces parece que nos sitúan, a peito descuberto, diante da valentía da ignorancia, unha infección colectiva, unha pandemia que destrúe o corazón, a cabeza e a alma de cada un dos membros da cidadanía afectada e maioritariamente confusa e, poida que, equivocada.

Emmanuel Macron non sabe nada. Seguramente, despois de ler este artigo, a través do seu gabinete, tome contacto coa Tía Manuela para certificar e para que saiban ela e os seus lectores que a variante omicron, efectivamente, é máis suave, máis lixeira e menos perigosa, entre outras cousas, por non estar asociada a nome de político. Aínda así, con equivocación ou sen ela, a xente ve aos que sofren e aos que se aproveitan do nome , do virus e da pandemia. Lamentable!

Comentarios