Opinión

O galego, unha riqueza

O GALEGO é o noso idioma e o seu poder como símbolo de identidade é enorme, apreciado e moi valorado por todos, no rural e no urbano, na casa e fóra dela. Tamén, na escola, na docencia universitaria, na investigación, na festa, na música, na diversión e na literatura, no traballo dos carpinteiros, dos obreiros, dos enxeñeiros e, mesmamente, na actividade dos políticos, principalmente, cando andan na procura dos votos. 

O idioma é unha ferramenta imprescindible para asegurar a continuidade da cultura dun pobo e para deixar constancia de cal é a cultura dun tempo, de como son ou foron as estruturas dunha sociedade, no plano económico e relixioso, as tradicións e costumes, as formas de ser e de vivir dos cidadáns que utilizan esa lingua, deses que teñen a mesma identidade cultural, os mesmos valores e os mesmos comportamentos. O galego é unha ferramenta que axuda a unha forma de mirar, de escoitar, de entender e de relacionarse co mundo novo e co mundo que foi dos maiores nosos.

O galego é unha lingua para falar, escribir e comunicarse con soltura en tódolos campos do saber

En 1984, cando era conselleiro de Educación e Cultura Víctor Manuel Vázquez Portomeñe e directora xeral de Política Lingüística, Paz Lamela, a Xunta de Galicia puxo en marcha unha campaña, Fálalle galego, para promocionar o noso idioma, para revalorizalo e para que no eido educativo, os mestres e os nenos; pais, mais e avós non esqueceran que o galego era unha lingua para falar, escribir e comunicarse con soltura en tódolos campos do saber, en tódalas diversas áreas profesionais, na Galicia enteira, na diáspora e en tódolos territorios lusófonos.

Na actualidade é outra cousa, o galego estúdase nas escolas, nos institutos e nas universidades. Hai profesores de galego a milleiros, hai Centros de Estudos Galegos en Alemaña, Brasil, Croacia, Cuba, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia e Suíza. Hai Equipos de Dinamización da Lingua Galega, que promoven iniciativas diversas, coordinan e animan ao uso do galego; institutos de investigación, academias que defenden e promocionan a lingua, asociacións de escritores, de xornalistas, de animadores e culturais; hai plataformas para defensa do galego e hai moita xente que traballa e vive á conta do idioma. 

Pois, parabéns para todos eles e que non se deteña a roda, que o mundo non se pare. A Tía Manuela é unha namorada do idioma de cadaquén, dos idiomas de vós e nós. Do galego, principalmente, unha das máis grandes riquezas que posuímos nesta terra. Nosa!

Comentarios