Opinión

Escoitar e aprender

EUROPA QUERE evidenciar que o Patrimonio Cultural, "onde o pasado se atopa co futuro", é un ben tamén de valor económico, social e medioambiental. Así coa declaración de 2018 como Ano Europeo do Patrimonio Cultural fai que as institucións e diversas entidades sociais aproveiten para dar realce a este patrimonio nos seus respectivos ámbitos, conscientes de que se trata dun recurso para procurar riqueza e fomentar melloras na calidade de vida dos cidadáns.

Entre os milleiros de iniciativas e eventos que, con este motivo, se desenvolven en todo o territorio europeo, en Savane do Courel terá lugar, os días oito, nove e dez de xuño, un seminario sobre o patrimonio inmaterial, arqueolóxico e histórico do concello. Está organizado pola Universidade de Santiago de Compostela, a través da Estación Científica do Courel que dirixe o profesor Antonio Rigueiro, experto en temas vinculados co medio ambiente. Parabéns!

Por A Ponte e Bustofrío ou por Gundriz, pola Lóuzara xabreira de Fiz Vergara e cos ecos musicais dos Padernes, cortando os ventos irados de Martín de Padrozelos, chégase a Savane

O Courel é un concello situado nas terras montañosas do sureste de Lugo, rodeado polo Bierzo leonés e polos concellos galegos de Pedrafita do Cebreiro, Samos, O Incio, A Proba do Brollón e Quiroga do gran viño e bo aceite. A súa riqueza cultural, histórica e paisaxística é enorme, tan enorme como a bonhomía das súas xentes, como a inmensidade dos seus tesos, como a transparencia das augas dos ríos que baixan, como o verde esperanza dos prados, nos que xa pacían as vacas que caeron na cova da Tara.

Cando vas de Samos, e entrando no Courel, ves os cumios todos coa súa altura inmensa. Tanta altura e tan serena. Daquela, en chegando ao Alto da Pedra, compréndese e enténdese perfectamente aquilo de Uxío Novoneyra, "Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe! / Eiquí síntese ben o pouco que é un home".

Por A Ponte e Bustofrío ou por Gundriz, pola Lóuzara xabreira de Fiz Vergara e cos ecos musicais dos Padernes, cortando os ventos irados de Martín de Padrozelos, chégase a Savane. Alí estará todo disposto para escoitar e aprender dos que saben de poesía, de música, de xestión patrimonial e cultural, de etnografía, arquitectura e arqueoloxía, das plantas curandeiras, da historia, das ferrerías ou das feiras, das minas, da arte, da cristianización, da administración, do castelo de Carbedo ou do "bicarelo do bico do brelo".

Comentarios