Ao parecer no Estado Español hai entre dous mil e dous mil cincocentos exemplares de lobas e lobos, a maioría (a práctica totalidade) andan nos montes do norte do Río Duero
Pero digan o que queiran, o texto normativo inclúe ao lobo, en tódalas poboacións do Estado como unha especie de especial protección, independentemente de que mate ou deixe de matar a outros animais, que coida, protexe e mata o home. Ao parecer no Estado Español hai entre dous mil e dous mil cincocentos exemplares de lobas e lobos, a maioría (a práctica totalidade) andan nos montes do norte do Río Duero. Así as comunidades de Asturias, Cantabria, Galicia e Castela e León xuntaron as súas forzas en contra da proposta de protección deste animal, con Madrid, Murcia, Euskadi e Andalucía, pero perderon a votación.
O propio Ministerio e os representantes de Cataluña, Aragón, A Rioxa, Estremadura, Castela-A Mancha, Canarias, Baleares e Melilla salváronlle a vida ao lobo feroz, para que poida vivir en paz, comer e matar canto poida e onde poida. Pobres ovellas e rabaños! Pobre vaca marela! Pobres labradores atacados polos feros animais coidados pola legalidade da norma!
Dicíao moi ben Novoneyra, "Cousas do lobo!", que baixa e vai "ruxindo na folla dos carreiros / en busca da vagoada máis sola e máis medosa..." E, mentres tanto, nós quedamos coa beleza doutro verso do mesmo poema, "O lobo! Os ollos o lombo do lobo!". E aqueles que queren ser ecoloxistas, que lles doe? Seguramente, como di a Tía Manuela, "a incoherencia, a imposibilidade de ser e non ser ao mesmo tempo e no mesmo instante". Os milleiros de aldeas baleiras da nosa terra, xa están á disposición dos lobos.