Opinión

A Academia

DIANTE DA Academia, da Real Academia Galega (RAG), hai que cadrarse, erguer o peito, expoñer a alma e render homenaxe, cada día, á institución senlleira e defensora da nosa lingua, integrada por sobranceiras personalidades dos distintos ámbitos da cultura e da vida de Galicia, dende o seu nacemento. No artigo primeiro dos estatutos, defínese como "unha institución científica que ten como obxectivo fundamental o estudio da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do idioma galego". Constitúese en 1905 e, ata 1923, Manuel Murguía preside a súa andadura. Unha andadura que comeza co obxectivo de "darlle unidade ao idioma galego mediante a publicación dunha gramática e un dicionario". Por mor da guerra civil, tivo un período escuro, unha longa tempada de silencio, cos seus académicos mortos ou no camiño do exilio.

A Real Academia Galega ten hoxe pleno esplendor. Brilla soa e con forza na campa das letras, das humanidades, da literatura, da cultura e da ciencia

Despois reverdeceu de novo e, hoxe, ten pleno esplendor. Brilla soa e con forza na campa das letras, das humanidades, da literatura, da cultura e da ciencia. O mestre, o profesor e intelectual Xesús Alonso Montero, guía o seu andar polos páramos culturais galegos, que se estenden polo mundo enteiro. Faino ben, algúns entendemos que moi ben, como o facía o seu antecesor, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, e como o fixeron sempre os homes que estiveron orientando o temón desta nave de saber, de divulgación e propagación de saberes.

O órgano da RAG responsable das actuacións da Academia é o pleno, do que forman parte os trinta membros de número, procedentes dunha enorme dispersión xeográfica, pero maioritariamente vinculados á Universidade de Santiago de Compostela. E, moitos relacionados igualmente co Consello da Cultura de Galega, que preside o académico e profesor da USC Ramón Villares Paz. As dúas, a alma mater e a RAG, teñen moitos puntos de intersección entre elas e, moitos, co Consello da Cultura.

A bióloga e profesora Marilar Jiménez Aleixandre ingresou na RAG o pasado día 14. Fíxoo nun acto no Paraninfo da Universidade e cun discurso emotivo e científico, Voces termando da paisaxe galega. Faltan por cubrir dúas prazas no Pleno e para elas están nomeados dous mozos cargados de talento e sabedoría, Carlos Brandeiro e Jorge Mira, físico e, como Marilar, profesor na USC. Noraboa!

Comentarios