Opinión

A vergoña da guerra

Millóns de refuxiados buscando algo de sosego, millóns de familias e media Europa ofertando pan, leite e teito

COA NOSA forma de pensar, de querer, de ser e de amar parécenos imposible que estale no mudo, en calquera parte do mundo, unha guerra para deliberadamente matar e matarse entre irmáns, entre iguais, entre fillos e pais. Para matar aos que menos culpa teñen, aos máis vulnerables, aqueles (a maioría do noso e de tódolos pobos) que poden ser atacados facilmente, feridos e danados física e moralmente sen reparos.

Pero aí está, detrás dunha guerra vén outra, e despois a seguinte. Destrución, máis pobreza, máis inferno e escuridade total nas noites e nos días de bombardeos, de ocupación, de invasión, de tristeza e de miseria estendida polas rúas, polas casas, polos campos, polos ríos, polos montes e polos mares. A miseria apoderándose do saber e da intelixencia dos individuos. A miseria e a sen razón, no cumio para que triunfe a dexeneración dos que mandan.

E, quen o conta? Non hai dúbida, os poderosos, os mequetrefes e badulaques son os construtores dos relatos informativos e comunicativos, outra das armas da guerra, que mata aos xornalistas que ven o que eles non queren ver. A verdade, que é a vedade? Cómpre unha reflexión sobre esta pregunta que queda no aire, como tantas outras preguntas quedan tamén no aire e moitas vanse con el, remuíños sen saber, ata que pase o tempo, cal é a verdade ou mentira?

A solidariedade internacional é unha verdade enteira, tan certeira como eses millóns de persoas que saen co posto, cunha man diante e outra detrás, cos meniños no colo e o pensamento na liberdade deles e dos seus, dos que quedan atrapados pola desfeita, polos tiros e pola guerra, que non para e que ninguén é quen de prever onde está o seu final.

Millóns de refuxiados buscando algo de sosego, millóns de familias e media Europa ofertando pan, leite e teito. E no medio tamén residen mafias sen escrúpulos, que fan negocio ao amparo desa solidariedade que non exercen, da que se aproveitan para explotar aínda máis aos explotados famentos, aos irmáns que foxen da guerra para non morrer nela e que moitos deles van para ningures ou para a profundidade do precipicio.

E nas avalanchas de refuxiados incrústanse igualmente farsantes, integrantes das mafias súas e perigosas, que teñen por obxectivo alongar a desfeita. A vergoña da guerra hai que parala e como di a Tía Manuela "para facelo cómpre restablecer a transparencia e que se miren cara á cara os que mandan".

Comentarios