Opinión

A liberdade de nós

VEÑEN tempos de eleccións e, máis que nunca, temos que pensar e rememorar que os cidadáns deben e teñen que ser libres e actuar tranquilamente conforme aos seus propios criterios. A liberdade é un dereito e unha obriga que debemos respectar e acariñar, como se aloumiña ao que se quere. Aí está, é necesaria a liberdade para pensar, para informar, para votar e para falar.

Liberdade para discrepar, para disentir e ser diferente, para ir ou vir, para crer ou non crer. En todo caso, liberdade para as mulleres, para os homes e para os pobos, sabendo que acrecenta a responsabilidade e que se consigue pelexando por ela.

Agora, para as vindeiras eleccións, as candidatas e candidatos fan libremente as súas ofertas programáticas e a cidadanía poderá responder tamén con liberdade, expresando as súas propias ideas e decidindo co seu voto, conforme ao seu parecer. Obviamente, para ter unha opinión e un parecer determinado, para decidir é necesario posuír información. Información que debe estar construída libremente e que debe ser claramente plural. Todas aquelas persoas que integran as distintas candidaturas electorais saben (ou deberían saber) que a liberdade de información é un dereito fundamental nos sistemas democráticos.

Estamos construíndo este artigo dende un espazo de liberdade, entre a terra e o ceo, dende a altura do Cebreiro, un poboado medieval ateigado de xente, de peregrinos e de misterio. Estamos cerca do Courel de Novoney-ra, onde todos saben e senten, como sentía o poeta, «o pouco que é un home». Multitude de xente e de cores entra en Galicia por esta esquina montesía e anda polo Camiño cara a Santiago de Compostela, para alcanzar a gloria do xacobeo.

Uns veñen da feira de Cacabelos, outros chegan de Roncesvalles, do centro de Europa, dalgún lugar de Cataluña, de Castela, de Aragón, da Mancha, do Sur ou do Norte, veñen e en O Cebreiro paran e respiran fondo, visitan a igrexa, escoitan a Paco Castro que lles fala en sete idiomas, bailan ao son da música dos gaiteiros e cantores de Agolada, contan un conto, cantan, comen e andan.

Culturas diferentes, falas distintas e distintos acentos conviven e enténdense no Camiño que, como moi ben di a Tía Manuela, «é un territorio de todos, un recanto do mundo para a comunicación e a liberdade». Para a liberdade de nós e de vós, amigas e amigos lectores e electores.