Opinión

A fame e a fartura

DIN QUE cando a fame aperta, afrouxa a vergoña e hai casos, moitos casos, nos que se descoñece a vergoña e a fartura é tan enorme que lles impide dobregar o espiñazo aos cidadáns mal educados. A fame, a desnutrición e a pobreza van da man, son compañeiras que non se separan e que medran cada ano. De modo especial medran naqueles países que se caracterizan polas súas economías extremadamente fráxiles e subdesenvolvidas, naqueles que andan en guerras e en conflitos étnicos ou sectarios.

A lectura do informe O estado da inseguridade alimentaria no mundo 2021, elaborado por cinco axencias de Nacións Unidas, pon os pelos de punta. Aquí dise que "o 10 % da poboación mundial sufriu inseguridade alimentaria en 2020" e máis de oitocentos millóns de persoas non sabían se poderían levar algo á boca algún día. Mentres tanto, os farturentos calados, en silencio seguido.

Ao parecer, os famentos aumentan a un ritmo superior ao que medra a poboación mundial, impedindo o cumprimento do segundo Obxectivo de Desenvolvemento Sostible, que ten como meta erradicar a fame para o 2030. Pola contra nese ano, de seguir con tanta desigualdade, máis de seiscentos cincuenta millóns de persoas non terán nada para comer.

A fame e a desigualdade son verdadeiras pandemias, alimentadas polos homes das guerras, polas inxustizas, polos desprazamentos forzosos, pola escaseza de auga para beber e polas inundacións que entran a matar.

Os responsables deste informe aludido conclúen con algo que debería ser respectado polos que mandan nos políticos, por esas multinacionais ás que nada lles importa a fame, que andan preocupadas esencialmente pola fartura dos integrantes das sociedades consumistas, polo negocio dos alimentos. Así, igual que o sentido común, propoñen desenvolver unha transformación dos sistemas alimentarios, que permita reducir o custe dos alimentos nutritivos e saudables, e que se reformen as políticas, para "incorporar a nutrición nos seus enfoques da agricultura".

Efectivamente, cómpre reducir os gastos de produción, de almacenamento, de transporte, de distribución e comercialización dos alimentos. Cómpre reducir as ineficacias, a perda e o desperdicio dos alimentos, e dar axudas económicas e técnicas aos pequenos produtores, aos de cerca, aos locais, a eses que saben o que fan e que o fan. Como di a Tía Manuela, "cómpren políticas para eliminar a fame e repartir a fartura".

Comentarios